A especulación financeira coa vivenda foi un dos principais detonantes da crise económica global de 2008. O proceso iniciouse no mercado hipotecario estadounidense coa expansión dos créditos subprime, destinados a persoas con alto risco de impago. Estes préstamos foron transformados en títulos e vendidos internacionalmente, espallando o risco por todo o sistema financeiro.
A crise evidenciou tamén o impacto das stock options como incentivo perverso para a xestión bancaria. Executivos de entidades financeiras, motivados por compensacións baseadas en resultados a curto prazo, asumiron riscos excesivos en hipotecas de alto risco e produtos derivados, contribuíndo á acumulación de activos tóxicos e á vulnerabilidade do sistema.
O colapso definitivo produciuse o 15 de setembro de 2008 coa quebra de Lehman Brothers. A entidade acumulaba activos tóxicos e prácticas de risco como a titulización masiva sen garantías suficientes. A negativa do goberno estadounidense a rescatalo provocou a maior bancarrota da historia ata ese momento, deixando 25.000 empregados sen traballo.
O efecto dominó afectou rapidamente á economía real: restrición de crédito, caída bursátil e execución de hipotecas. As familias afroamericanas e latinas foron as máis afectadas, perdendo vivendas e acumulación de riqueza, cuestión que logo se foi trasladando ao resto de estados. Estudos documentaron como aforradores de comunidades minoritarias sufriron prácticas crediticias discriminatorias.
A crise revelou a fraxilidade do sistema financeiro e a financeirización do sector inmobiliario, así como os riscos asociados a incentivos baseados en stock options. Diferentes reformas, como a Lei Dodd-Frank, buscaron reforzar a supervisión, mais as desigualdades no acceso ao crédito e á vivenda permanecen, trasladando as perdas do sector bancario ao sistema público e evidenciando os negativos efectos da especulación financeira en xeral, e da consideración da vivenda como un ben co que facer negocio e non un dereito a protexer en particular.