Android deixará de ser aberto en 2026: Google esixirá identificar todos os desenvolvedores

O modelo aberto de Android enfróntase a un cambio profundo a partir de setembro de 2026. Google comezará a esixir que todas as aplicacións instaladas fóra da súa tenda oficial estean asinadas por desenvolvedores verificados. A compañía presenta a medida como unha mellora de seguridade, pero supón unha modificación substancial do espírito orixinal de Android, concibido como un sistema aberto e modificable. Países como Brasil, Indonesia, Singapur e Tailandia serán os primeiros en aplicar este novo modelo, que se expandirá progresivamente ao resto do mundo.

A nova política introduce requisitos estritos para os desenvolvedores e limita a distribución de software. O sistema obriga a pagar unha taxa, presentar un documento oficial de identidade e entregar a chave de sinatura privada a Google. Isto elimina o anonimato que historicamente caracterizou o ecosistema. Para as persoas usuarias, as aplicacións non verificadas só se poderán instalar tras superar múltiples avisos e opcións ocultas, nun proceso que a empresa denomina “fluxo de alta fricción”. Esta estratexia dificulta deliberadamente o uso de ferramentas de código aberto, aplicacións centradas na privacidade ou tendas alternativas como “F-Droid”.

A medida resulta particularmente lesiva para o activismo e a organización cidadá. A obriga de identificarse con documentación oficial ante Google para distribuír aplicacións elimina a posibilidade de anonimato que moitas persoas defensoras de dereitos humanos, xornalistas e movementos sociais precisan para operar sen represalias. Un desenvolvedor que viva baixo un réxime autoritario ou calquera activista que desexe compartir ferramentas de comunicación segura verase forzado a revelar a súa identidade real, expoñéndose a riscos de vixilancia e persecución. Organizacións como “Article 19”, “Electronic Frontier Foundation” ou “The Tor Project” advertiron que este sistema crea un “punto de estrangulamento corporativo” na distribución de aplicacións, aumentando os riscos de control e represión contra quen exerce a disidencia política a través da tecnoloxía .

Existen precedentes preocupantes no tratamento de datos por parte da compañía. O caso de Amandla Thomas-Johnson exemplifica estas prácticas. Este estudante da Universidade de Cornell participou nunha protesta e, en abril de 2025, o Servizo de Inmigración e Control de Aduanas dos Estados Unidos (ICE) solicitou os seus datos a Google. A compañía facilitounos sen aviso previo, incumprindo o seu compromiso público. Segundo a “Electronic Frontier Foundation”, este procedemento forma parte dun sistema interno denominado “notificación simultánea”.

Ante este escenario, empresas europeas como Volla, Murena e Iodé impulsan o proxecto “UnifiedAttestation”, unha alternativa de código aberto ao API de integridade de Google que bloquea hoxe o funcionamento de aplicacións bancarias e de goberno en sistemas operativos libres dos servizos da compañía estadounidense . Esta iniciativa, baseada nun modelo de certificación descentralizada e revisión por pares, busca que as ROMs alternativas poidan validar a súa seguridade sen depender da infraestrutura de Google, preservando unha vía de escape para quen desexa manter o control sobre o seu dispositivo e protexer a súa actividade cívica.

Paralelamente, Google reduciu a frecuencia de publicación do código fonte de Android, atrasando as actualizacións de trimestrais a semestrais. Isto dificulta que proxectos como “/e/OS” ou “LineageOS” corrixan vulnerabilidades con rapidez, comprometendo a súa viabilidade e reducindo a diversidade do ecosistema.

Android avanza cara a un modelo máis pechado, afastándose da súa filosofía inicial. Este cambio marca un punto de inflexión na gobernanza do sistema operativo, aproximándoo a modelos de ecosistemas controlados. A promesa de liberdade que diferenciou Android dilúese, mentres a comunidade internacional de software libre e as organizacións de dereitos dixitais tratan de artellar mecanismos de resistencia para garantir a soberanía dixital e a protección de quen, a través da tecnoloxía, exerce a defensa dos dereitos humanos e a fiscalización do poder.

Fontes

Contidos relacionados

MC_2026_05_03_Palestina_ICE_WbX (c)
+ info
MC_2026_05_04_Incendios_WbX (c)
+ info
MC_2026_05_02_Logros_Sindicatos_Vivenda_WbX (c)
+ info