A era dos datos expostos: como a tecnoloxía converte a privacidade nun ben de consumo

A dixitalización masiva da vida cotiá converteu os datos persoais na materia prima dunha economía global que move billóns de euros, mentres o dereito á privacidade se dilúe entre os intereses das corporacións tecnolóxicas e as ferramentas de vixilancia empregadas polos Estados. O concepto clásico de privacidade, definido en 1890 como “o dereito a ser deixado en paz”, mudou radicalmente nas últimas décadas. Hoxe, os datos son un activo económico en disputa constante e a intimidade pasa de ser un dereito a un ben negociable. Este cambio responde á consolidación dun modelo de negocio baseado na extracción sistemática de información persoal, no que a cidadanía, sen ser plenamente consciente, cede os seus datos a cambio de servizos dixitais sen comprender a dimensión real desa transacción.

A privacidade é un alicerce fundamental das sociedades democráticas, xa que garante a autonomía individual, a liberdade de pensamento e o desenvolvemento dunha personalidade propia sen a presión da vixilancia constante. Sen privacidade, as persoas tenden a adaptar o seu comportamento ao que consideran socialmente aceptable por medo a represalias ou a ser clasificadas, fenómeno coñecido como “efecto arrefrío” das liberdades civís. Este dereito non protexe só a quen ten algo que agochar, senón que asegura a capacidade de decidir que información se comparte, con quen e con que finalidade.

Con todo, a expansión tecnolóxica transformou profundamente este escenario. Corporacións como “Google” e “Meta” construíron imperios económicos baseados na explotación de datos persoais que millóns de cidadáns entregan sen ser plenamente conscientes e alimentan sistemas de publicidade dirixida. Cada busca en internet, cada localización e cada interacción nas redes sociais xera un rastro dixital que, procesado mediante algoritmos avanzados e intelixencia artificial, permite segmentar a poboación con gran precisión e predicir comportamentos, preferencias de consumo e mesmo tendencias políticas. Un estudo realizado en 2025 con preto de 25.000 participantes en China evidencia ademais unha fenda de privacidade entre clases sociais: as persoas con menores ingresos dispoñen de menos ferramentas de protección e son máis vulnerables á explotación dos seus datos, mentres que o nivel educativo se relaciona cunha maior conciencia dos riscos.

O caso de “Palantir Technologies” exemplifica os riscos do acceso masivo a datos sen control democrático. Fundada por Peter Thiel, esta empresa desenvolveu a plataforma “Gotham”, capaz de crear perfís detallados de individuos, mapear redes sociais, rastrexar movementos e identificar características persoais ou situacións administrativas. O sistema combina datos policiais con información procedente de dispositivos móbiles e redes sociais mediante algoritmos de intelixencia artificial. A organización alemá defensora dos dereitos civís “Gesellschaft für Freiheitsrechte” advertiu de que de que esta avaliación masiva vulnera o dereito fundamental á autodeterminación informativa. A principal preocupación é a opacidade: ao tratarse dun sistema privativo, nin a cidadanía nin os representantes públicos poden auditar os algoritmos que determinan quen é considerado sospeitoso, o que dificulta a supervisión democrática. Máis de 264.000 persoas asinaron nunha semana unha petición en Alemaña para deter o seu uso, mentres o Tribunal Constitucional desa república analiza recursos contra esta tecnoloxía por unha posible inconstitucionalidade.

A dependencia dos Estados destas ferramentas privadas xera un escenario no que a lóxica do beneficio económico pode prevalecer sobre os dereitos fundamentais. Isto significa que, ao depender tecnoloxicamente destas empresas, os gobernos poden acabar priorizando a eficiencia, o acceso á innovación ou aceptar condicións que poñan os intereses económicos das empresas por riba da protección da cidadanía. Por exemplo, poden manter sistemas pouco transparentes ou intrusivos porque resultan útiles ou rendibles, mesmo se implican riscos para dereitos como a privacidade, a igualdade ou a presunción de inocencia. A colaboración entre sector público e privado, sen control suficiente, pode debilitar as garantías democráticas.

O Servizo de Inmigración e Control de Aduanas dos Estados Unidos investiu máis de 200 millóns de dólares en contratos con “Palantir”, o que evidencia como unha corporación pode converterse nun actor central na xestión de datos sensibles de millóns de persoas. Pola súa banda, o “Chaos Computer Club”, unha das organizacións de expertos en ciberseguridade máis reputadas de Europa, denunciou que este software é “intencionadamente opaco” e advertiu de que unha vez que estas empresas “ingresan aos Estados e manexan datos sensibles, despois é moi difícil desprazalas”.

No ámbito europeo, o marco legal de protección de datos, incluído o Regulamento Xeral de Protección de Datos, a Directiva de aplicación da lei e a xurisprudencia do Tribunal de Xustiza da Unión Europea, ofrece unha protección que pode resultar máis aparente ca real fronte ás tecnoloxías de vixilancia preditiva, é dicir, a práctica de adiantarse a posibles delitos analizando patróns de datos sen que exista un feito concreto que a xustifique. A aplicación destas normas non sempre é clara, xa que require análises específicas que a cidadanía dificilmente pode realizar. Ademais, mesmo cando a normativa é aplicable, existen excepcións e mecanismos que permiten esquivar limitacións como a prohibición de decisións automatizadas. Isto abre un debate fundamental sobre se estas tecnoloxías deberían desenvolverse e empregarse en primeiro lugar, dado o seu impacto potencial nos dereitos fundamentais. É evidente que a velocidade do avance tecnolóxico supera a capacidade lexislativa, mentres a falta de conciencia cidadá sobre estas vulneracións anula as mobilizacións necesarias para esixir un control ético efectivo.

A defensa da privacidade é un dos grandes desafíos democráticos do século XXI. Non se trata de ter algo que agochar, senón de manter o control, é dicir, de conservar a capacidade de decidir que información sobre un mesmo se comparte, con quen e con que finalidade. O que está en xogo non é só a intimidade individual, senón a posibilidade de vivir sen ser constantemente vixiado e clasificado por sistemas opacos alleos ao control público.

 

Fontes

Contidos relacionados

MC_2026_05_12_Keep_Android_Open_WbX (c)
+ info
MC_2026_05_03_Palestina_ICE_WbX (c)
+ info
MC_2026_05_04_Incendios_WbX (c)
+ info