oxe, 17 de xuño, remata o 52º cumio do G7, celebrado este ano en Évian-les-Bains (Francia). O G7 é unha reunión anual dos líderes das principais potencias occidentais aliñadas coa defensa do neoliberalismo.
Un ano máis, o G7 volve evidenciar a arquitectura desigual do poder mundial. O foro está integrado por Alemaña, Canadá, Estados Unidos, Francia, Italia, Xapón e Reino Unido, coa Unión Europea como participante permanente. Aínda que formalmente non é unha institución con capacidade para aprobar resolucións vinculantes, as súas decisións condicionan a economía e a política internacional.
A orixe do grupo remóntase á crise do petróleo de 1973 e ao colapso do sistema de “Bretton Woods”. En 1975 celebrouse en Rambouillet (Francia) o primeiro cumio. En 1976 incorporouse Canadá e Rusia entrou en 1998, configurando o G8, ata que foi expulsada en 2014 tras a anexión de Crimea.
Aínda que o G7 se presenta como unha ferramenta para afrontar as principais crises internacionais, o certo é que estas potencias se reúnen para fortalecer a defensa dos seus intereses e do “status quo” actual. Proba disto é que, malia que os países integrantes representan apenas o 10 % da poboación mundial, concentran unha porcentaxe moi superior do Produto Interior Bruto e da riqueza financeira global, o que evidencia a enorme asimetría de poder existente a nivel internacional. Esta diferenza alimenta as críticas sobre a súa lexitimidade, xa que un grupo reducido de países determina políticas comerciais, financeiras e de débeda que afectan ao conxunto do planeta.
Dende hai máis de dúas décadas, os movementos sociais organizan contra-cumios para denunciar o modelo económico impulsado polo G7. Tras o auxe do movemento antiglobalización na década de 1990, múltiples organizacións internacionais comezaron a convocar estes espazos alternativos para denunciar un sistema que favorece as grandes potencias e as corporacións transnacionais fronte á redistribución da riqueza e ao coidado do planeta.
O éxito destes contra-cumios provocou un importante aumento da presenza policial e das restricións á libre circulación durante a celebración do evento. Isto traduciuse en vulneracións sistemáticas do dereito á protesta, detencións arbitrarias e episodios de violencia policial desproporcionada, como ocorreu en Xénova (Italia) en 2001 ou en Biarritz (Euskal Herria) en 2019. Outro exemplo recente foi a prohibición en Xenebra de grandes manifestacións durante este mes de xuño de 2026.
Os contra-cumios representan a oposición de movementos sociais, sindicatos e colectivos ecoloxistas á perpetuación dun sistema económico inxusto. Entre as súas reivindicacións destacan a desinversión en combustibles fósiles, a tributación xusta das multinacionais e o fin da impunidade coa que operan as empresas transnacionais a nivel global.
Fontes:
La Haine (2019). Llamamiento a la movilización contra el G7 y su mundo. https://eh.lahaine.org/llamamiento-a-la-movilizacion-contra
Deutschland.de (2022). ¿Qué países pertenecen al G7? https://www.deutschland.de/es/miembros-del-g7-datos-cifras-y-hechos
Ecoar Global (2026). Seattle ’99: O Berro de Desobediencia co que naceu o Movemento Antiglobalización. https://enaccion.ecoarglobal.org/gl/2026/01/12/seattle-99-o-berro-de-desobediencia-co-que-naceu-o-movemento-antiglobalizacion/
Rage Climatique. A short history of anti-capitalist counter-summits. https://www.rageclimatique.org/en/article-du-journal/a-short-history-of-anti-capitalist-counter-summits
El Salto. Más de 14.000 efectivos policiales, dificultades a la prensa y detenciones aleatorias en el G7. https://www.elsaltodiario.com/movimiento-antiglobalizacion/14000-efectivos-policiales-dificultades-prensa-detenciones-aleatorias-g7#
Ecoar Global (2026). Diaz: Non limpedes este sangue. Película sobre a memoria da violencia no cumio do G8 en Xénova. https://enaccion.ecoarglobal.org/gl/2026/05/29/diaz-non-limpedes-este-sangue-pelicula-sobre-a-memoria-da-violencia-no-cumio-do-g8-en-xenova/
Wikipedia (2026). 27th G8 summit. https://en.wikipedia.org/w/index.php?title=27th_G8_summit&oldid=1329457799
Cuarta Internacional (2026). Movilización contra el G7 los días 13 y 14 de junio de 2026. https://fourth.international/index.php/es/comite-internacional/940/europa/754
24 (2026). Genève interdit les grandes manifestations en juin à cause du G7. https://www.24heures.ch/g7-2026-geneve-interdit-les-grandes-manifestations-en-juin-404895345708