
A plataforma Defender a quen Defende, da que ECOAR))) forma parte, acaba de presentar o informe anual de 2025 sobre o dereito á protesta. Este ano, os datos reflicten a continuidade da represión selectiva e a expansión de novas formas de control e vixilancia. Aínda que o informe non recolle a totalidade das vulneracións —xa que non existe un rexistro oficial global—, o monitoreo da plataforma permite visibilizar centos de casos que afectan a decenas de movementos sociais en España e Europa.
Entre os principais achados do informe:
- Movementos en solidariedade con Palestina: Por segundo ano consecutivo, este movemento é o máis perseguido. Documentáronse numerosas detencións, identificacións, procedementos xudiciais e casos de censura, representando a maior parte das vulneracións relacionadas coa liberdade de expresión e manifestación.
- Represión tecnolóxica e policial: Evidénciase o uso crecente de cámaras de vixilancia, recoñecemento facial, drons, infiltracións policiais e armamento antidisturbios. Estas ferramentas impactan directamente no dereito a manifestarse de forma pacífica.
- Distribución territorial da represión: Madrid e Cataluña continúan concentrando a maioría de casos, pero outros territorios como País Valenciano, Euskadi, Andalucía, Navarra, Galicia, Baleares e Canarias mostran un aumento significativo de vulneracións, evidenciando a dispersión xeográfica da represión.
- Tipos de vulneracións: As máis frecuentes son identificacións, sancións económicas e procedementos xudiciais, seguidas de detencións, retencións, ameazas, censura e violacións de protocolos policiais.
- Outros movementos afectados: A represión tamén afecta o dereito á vivenda, sindicalismo, antirracismo, ecoloxismo e protestas locais específicas, mostrando a diversificación da represión fronte a distintos sectores da sociedade civil.
O informe pon de manifesto que as vulneracións non só se concentran en España, senón que se replican noutros países europeos, mostrando patróns similares de control selectivo e criminalización da protesta pacífica.
Ante as conclusión do informe, subliñamos a necesidade de:
- Revisar e reformar leis que restrinxen dereitos fundamentais, incluída a Lei Mordaza, para garantir que o dereito a protestar se exerza sen medo a sancións ou vixilancia excesiva.
- Protexer ás persoas que defenden o dereito á protesta, incluíndo activistas, xornalistas e observadores de dereitos humanos.
- Fortalecer a coordinación entre organizacións civís, como ECOAR))), para visibilizar vulneracións, compartir recursos e promover cambios efectivos en políticas públicas.
- Aumentar a conciencia social sobre a importancia do dereito á protesta como ferramenta de participación democrática e control cidadán.
O informe completo pode consultarse aquí: Informe completo PDF