Adhesión a Defender a Quien Defiende

Atopámonos nun contexto onde un novo ciclo de mobilizacións érguese e saen á  rúa reivindicando un mundo máis xusto. Esta reactivación de protestas e accións de desobediencia atopa unha resposta contundente por parte dos estados en xeral, e do español, en particular: un brutal aumento da represión e reiteradas vulneracións de dereitos fundamentais.

Asistimos a unha criminalización da protesta, onde unha serie de medidas que engloban detencións, multas, afectacións á integridade, persecucións, identificacións e/ou encausamentos limitan a capacidade de organización da resposta social. En concreto, o número de vulneracións do dereito á protesta medra ano tras ano, e dereitos como a liberdade de expresión, o dereito de reunión e manifestación, o dereito de asociación, a liberdade de sindicación e o dereito á folga vense minguados, baixo o amparo de normas como as Leis Mordaza (a mal denominada Lei de Seguridade Cidadá ou as reformas no Código Penal) enfocadas ao recorte de dereitos civís. Ademais, non existen ferramentas que permitan facer un seguimento e unha medición precisa das vulneracións de dereitos e liberdades para así poder entender cal é o alcance da represión institucional.

Para facer fronte á criminalización da protesta e ás vulneracións de dereitos por parte das Forzas e Corpos de represión do Estado, ECOAR))) únese xunto a outras organizacións e colectivos á campaña Defender a Quien Defiende porque:

  • Reivindicamos un marco garantista do dereito á protesta, que está fortemente vinculado á defensa e ao exercicio dos dereitos fundamentais.
  • Cremos no dereito á defensa, e polo tanto pensamos que é importante poder gravar e monitorear ás Forzas e Corpos de represión do Estado.
  • Defendemos de xeito rotundo o dereito á manifestación, a desobediencia civil e a loita non-violenta, e pretendemos unha reforma no Código Penal para garantir que estas non se poidan investigar nin enxuizar pola Policía, o Ministerio Fiscal e o Poder Xudicial baixo terrorismo ou organización criminal.
  • Posicionámonos en contra do uso de balas de goma por parte das Forzas e Corpos de represión do Estado.
  • Denunciamos a falta de transparencia dos corpos policiais así como a súa falta de adaptación aos estándares internacionais.
  • Esiximos a identificación obrigatoria 360 graos dxs axentes policiais.
  • Traballamos para crear un mecanismo externo e independente de supervisión e investigación das actuacións policiais.
  • Defendemos medidas que aseguren mecanismos de protección para xs xornalistas.
  • Esiximos a reforma de todos os artigos do Código Penal que atenten contra a liberdade de expresión.
  • Posicionámonos en contra do uso de software espía contra a sociedade civil e denunciamos o uso desproporcionado, incontrolado e inxustificado co que se emprega na actualidade.
  • Esiximos que o Estado asuma a súa responsabilidade, remate coas prácticas de infiltración nos movementos sociais e investigue todos os casos de policías infiltradxs nos movementos sociais no Estado.
  • Denunciamos a impunidade policial e esiximos a conformación dun marco legal que limite, controle e pene calquera actuación policial excesiva.

Contidos relacionados

Gjf7l7aWMAApDsk
+ info
NsD
+ info