Fai dez anos que entraron en vigor as reformas do Código Penal e a Lei de Protección da Seguridade Cidadá, coñecidas como Leis Mordaza. Estas reformas lexislativas foron a resposta do estado a un gran ciclo de mobilizacións en contra da maquinaría da austeridade. A vulneración de dereitos civís a través da represión procuraba aplacar a contundente resposta social provocada polos enormes recortes que socavaron os dereitos económicos, sociais e culturais tras a crise económica de 2008.
Hoxe, as Leis Mordaza seguen vixentes, e o balance das organizacións que defenden os dereitos humanos é unánime e rotundo: asistimos en directo a un retroceso dos dereitos e liberdades, en concreto de todos os dereitos civís e políticos que orbitan en torno ao dereito á protesta. O efecto nos movementos sociais é devastador, xa que a Leis Mordaza trouxeron consigo unha serie de mecanismos legais que permitiron reprimir por vía administrativa ou legal o diverso repertorio de formas de protesta e mobilización que acadaran unha grande efectividade e un alto impacto. Isto sumado á forte campaña de desinformación no proceso provocou que no imaxinario colectivo se asentasen determinadas “normas” que realmente non existen, como sucede coa norma de que non se pode gravar á policía e que afecta directamente ao dereito á información. A isto pódeselle engadir o acoso que sofren centos de xornalistas e que vulnera directamente o dereito de liberdade de información. Por outra banda, a presunción de veracidade dos axentes das forzas e Corpos de represión do Estado choca frontalmente contra a presunción de inocencia. Outra das cuestións chave en materia de represión é o uso de balas de goma e proxectís de foam, que traen consigo un elevado risco de causar lesións e incluso a morte. Ademais, as Leis Mordaza impactan dun xeito especialmente negativo sobre grupos de poboación minorizados como sucede coas persoas migrantes e refuxiadas, xa que legaliza a práctica ilegal das expulsións sumarias e colectivas na fronteira (as denominadas, devolucións en quente).
É urxente unha reforma garantista e efectiva das Leis Mordaza. A plataforma No Somos Delito reinvindica incorporar liñas vermellas nas propostas lexislativas, co obxectivo de consolidar os dereitos que están sendo vulnerados sistematicamente. Asumindo esta perspectiva en ECOAR))) pasaremos a formar parte da plataforma No Somos Delito dende onde defenderemos as seguintes liñas vermellas das Leis Mordaza:
- Esiximos unha definición clara, concisa e concreta sobre que significa alterar a seguridade cidadá, e condenamos a discrecionalidade e arbitrariedade da actuación policial.
- Defendemos a presunción de inocencia, polo que esiximos que a palabra dun/ha axente non teña peso como proba.
- Condenamos o perfilamento étnico e racial, xa que cremos que é discriminatorio.
- Reclamamos que as sancións administrativas non se traduzan en antecedentes.
- Defendemos a necesidade de blindar o dereito á protesta.
- Protexemos o dereito á información.
- Reclamamos a prohibición de cacheos preventivos e discriminatorios.
- Demandamos que o autoconsumo na rúa non sexa un delito.
- Posicionámonos en contra das devolucións en quente, e reivindicamos a súa prohibición.
- Defendemos que ningunha persoa pode ser excluída ou expulsada dun lugar por vivir na pobreza.