Adhesión Stop Corporate Impunity

As empresas transnacionais (ETN) son os grandes imperios do século XXI no capitalismo globalizado. Controlan a produción, comercialización e distribución de todo tipo de bens necesarios para a vida, como son: enerxía, alimentación, auga, infraestruturas, saúde telecomunicacións, finanzas, téxtil…O obxectivo das multinacionais é maximizar o seu beneficio económico que se constrúe sen ningún tipo de reparo sobre o abuso e vulneración dos dereitos e liberdades das persoas e dos pobos así como da depredación dos territorios e ecosistemas de todo o globo.

A complicidade dos Estados nesta armazón transnacional contribúe a que exista unha arquitectura da impunidade que deixa en evidencia a asimetría entre os dereitos das ETN e os das persoas e os pobos, que fican nunha evidente última posición. A deriva do marco xurídico na actualidade blinda os aspectos económicos, situando a acumulación de riqueza no cumio da xerarquía normativa. Pola contra, a protección dos dereitos humanos queda orfa de normativas vinculantes, sendo relegada a unha especie de documento de boas vontades das corporacións.

É preciso un marco xurídico que paute e responsabilice xuridicamente ás ETN polas violacións de dereitos humanos e os danos medioambientais que cometen tanto directamente como a través das súas cadeas de produción. ECOAR))) formará parte da campaña global Stop Corporate Impunity xunto a numerosísimas organización de todo o planeta porque cremos na necesidade imperiosa de elaborar un instrumento internacional legalmente vinculante que controle ás ETN en materia de dereitos humanos e de respecto ao medioambiente. Defendemos a necesidade dun Tratado Vinculante porque:

  • Defendemos a primacía dos DDHH e da conservación do medioambiente por enriba do poder e a impunidade das ETN.
  • Cremos que as ETN deben ter obrigas e penalizacións xurídicas directas.
  • Avogamos pola necesidade da responsabilidade solidaria, polo que o Tratado debe abranguer todas as actividades ao longo da cadea de subministro das grandes empresas.
  • Defendemos o carácter vinculante do tratado, para o que é preciso a existencia dunha Corte Internacional e institucións de cumprimento.
  • Traballamos pola protección e reparación das persoas e as comunidades afectadas polas ETN.
  • Posicionámonos en contra do acaparamento de recursos das ETN.

Contidos relacionados