Apartheid Hídrico: Estratexia de Asfixia Colectiva

O goberno israelí emprega a auga como un instrumento máis co que agredir e castigar á poboación palestina. A situación é totalmente insostible en Cisxordania pero aínda é peor en Gaza onde só é potable o 3% da escasísima auga doce á que ten acceso a poboación gazatí. Existe un forte contraste entre as zonas palestinas (especialmente nas áreas baixo control palestino directo), que reciben en moitos dos casos menos da metade do mínimo diario recomendado pola OMS, e as colonias israelís veciñas que contan cun consumo luxoso da auga (piscinas, áreas recreativas acuáticas…).

 

En Cisxordania, documentáronse prácticas sistemáticas de apropiación e restrición de recursos hídricos polo Estado de Israel. Constátase a destrución de pozos por colonos ilegais e a canalización discriminatoria de auga cara a asentamentos xudeus, mentres comunidades palestinas sofren racionamentos extremos. Ademais en Cisxordania moitas comunidades dependen de camións cisterna ou de fontes non tratadas, o que encarece o acceso e incrementa os riscos sanitarios. A corporación estatal Mekorot xestiona a auga a través dun monopolio que conta cunha rede de infraestruturas que priorizan o consumo israelí, violando dereitos humanos básicos e consolidando un sistema de apartheid hídrico.

Este modelo segue as mesmas pautas de desenvolvemento que as denominadas “guerras da auga” en América Latina, onde empresas transnacionais privatizaron fontes naturais en Bolivia, Chile ou México. Alí, como en Palestina, conflúen intereses xeopolíticos, control corporativo e marcos legais facilitadores, deixando ás poboacións orixinarias sen acceso a un recurso esencial. Tanto Mekorot como as corporacións latinoamericanas operan mediante alianzas entre poderes estatais e entidades privadas, configurando escenarios de estrangulamento hídrico que intensifican desigualdades e empeoran as condicións de vida. En ambos contextos, criminalízase a resistencia comunitaria e obstaculízanse calquera tipo de acción legal colectiva. No caso palestino a mercantilización da auga emprégase tamén, como sucedía nos casos latinoamericanos, como ferramenta de dominación das clases populares, se ben neste caso ademais emprégase tamén como instrumento de castigo e colonización.

A situación en Gaza é aínda máis extrema e representa un caso límite de colapso hídrico inducido. A práctica totalidade da auga procedente do acuífero costeiro está contaminada por salinización e vertidos de augas residuais, polo que máis do 97% da auga doce non é apta para o consumo humano sen tratamento. O bloqueo, a destrución de infraestruturas e as restricións á entrada de materiais impiden a reparación e o desenvolvemento de plantas de desalgadura e saneamento a escala suficiente. Como consecuencia, a poboación de Gaza vese obrigada a depender de auga comprada a provedores privados ou de axuda humanitaria, convertendo o acceso á auga potable nunha cuestión de supervivencia diaria e nun instrumento máis de castigo e represión colectiva sobre a poboación civil.

A situación en Palestina evidencia a escala global do capitalismo extractivo e colonial, onde a auga se converte simultaneamente en arma de ocupación e obxecto de especulación. Este recurso configúrase como un instrumento de guerra co que agredir e someter á poboación palestina cuxo acceso á auga potable non depende de criterios ambientais ou técnicos, senón de relacións de poder político e colonial.

Contidos relacionados

MC_2025_01_17_foto_WbX_V
+ info
Foto_Ahed Tamimi
+ info
netantrump
+ info