Os gobernos da Unión Europea e dos Estados Unidos sosteñen activamente a ocupación israelí mediante mecanismos políticos, militares e lexislativos. No 2024 USA destinou máis de 16.000 millóns de dólares en asistencia militar a Israel e vendeu armamento por máis de 15.000 millóns de dólares, incluíndo bombas guiadas usadas en Gaza. A UE, pola súa parte, mantén un tratado comercial bilateral con Israel que supera os 42.600 millóns de euros e no que o comercio de armas que permite a exportación de tecnoloxía dual (civil-militar) supera os 20.000 millóns.
Estas potencias bloquearon sistematicamente resolucións da ONU que condenaban crimes de guerra israelís: EUA utilizou o veto 45 veces desde 1972 para protexer a Israel, mentres estados europeos como Alemaña ou Hungría apoiaron historicamente posturas dilatorias. De feito en 2024 diversos países da UE (Hungría, República Checa…) e tamén USA declararon que ían ignorar a orde da Corte Penal Internacional para deter o Primeiro Ministro de Israel Benjamin Netanyahu a pesar das probas claras por crimes de guerra e de lesa humanidade.
Ademais, disto a UE desenvolveu políticas represivas contra o movemento propalestino. Alemaña (Samidoun) ou Reino Unido (Palestine Action) aplicaron leis antiterroristas contra colectivos que critican o xenocidio cometido por Israel e defenden posicións de resistencia palestina. Pola súa banda Francia realizou detencións preventivas sen xuízo, mentres que case todos os países europeos (Italia, Bélxica, España…) impuxeron sancións económicas ou administrativas a través de marcos normativos mordaza. En moitos casos a lexislación europea equipara a crítica ao sionismo co discurso de odio, limitando así os dereitos e liberdades civís na propia Europa.
Pola súa banda Estados Unidos desenvolveu un marco represivo específico contra o movemento propalestino, baseado menos na ilegalización formal e máis na criminalización indirecta. A través de leis que invocan a seguridade nacional organizacións e activistas foron investigados, procesados ou intimidados, malia non seren designados como terroristas. O ámbito universitario converteuse nun dos principais espazos de represión, con disolución de colectivos estudantís como Students for Justice in Palestine, expulsións, suspensións e intervencións policiais masivas. Ao tempo, máis de trinta estados aprobaron leis anti-BDS que impoñen sancións económicas, perda de contratos públicos e restricións administrativas, limitando o dereito ao boicot político. En conxunto, o sistema estadounidense trata a solidariedade con Palestina como unha ameaza á seguridade nacional, erosionando dereitos fundamentais como a liberdade de expresión, asociación e protesta.
A alianza UE-USA-Israel configura un sistema de impunidade sustentado en intereses xeopolíticos, económicos e industriais a través dunha estrutura cómplice en tres niveis principais:
- Militar. Provisión de compoñentes, tecnoloxía e armamento usados contra campos de refuxiados.
- Diplomático. Silencio e inacción institucional, económica e administrativa fronte ao xenocidio israelí contra a poboación de Gaza.
- Xurídico. Inmunidade garantida mediante pactos bilaterais perante tribunais internacionais.
