Xurisprudencia contra os fondos voitre: cando a lei frea a especulación coa vivenda

Nos últimos anos, a loita contra os fondos de investimento que especulan coa vivenda acadou importantes fitos xudiciais no Estado Español. A combinación da normativa europea, a xurisprudencia do Tribunal Supremo e a organización veciñal comeza a debuxar límites legais á actuación destes ‘fondos voitre’. A Directiva 93/13/CEE, que protexe as persoas consumidoras de cláusulas abusivas, constitúe a base sobre a que se asentan moitas das vitorias xudiciais, xa que permite declarar nulas aquelas condicións que causan un desequilibrio nos contratos hipotecarios ou de alugamento.

Un dos precedentes máis salientables é a sentenza do Tribunal Supremo que recoñece o dereito de retracto ás inquilinas de vivendas que foron vendidas pola administración a un fondo. O avogado Mariano Benítez de Lugo, que representou as afectadas, conseguiu que o alto tribunal lles permitise mercar o inmoble ao mesmo prezo polo que o adquiriu o fondo (uns 50.000 euros), e non ao valor de mercado especulativo (que acadaba os 500.000 euros). Aínda que a sentenza non senta xurisprudencia formal, abre unha vía para milleiros de familias que perderon a protección das súas casas tras a privatización do parque público .

Paralelamente, a organización colectiva demostrou ser unha ferramenta eficaz. O Sindicato de Inquilinas de Madrid forzou en 2021 un acordo histórico con Blackstone, o maior propietario privado do país, logrando 84 novos contratos con rendas conxeladas e prazos de sete anos. Na actualidade, veciños de 17.000 vivendas en Madrid organizanse para impedir unha nova venda masiva destes inmobles e reclamar a súa xestión pública a través de Casa 47, a empresa estatal de vivenda  En Lavapiés, o edificio Tribulete 7 presentou a primeira querela colectiva por acoso inmobiliario contra un fondo, denunciando obras e actuacións para forzar o abandono das 54 familias residentes.

Estes casos demostran que, malia a impunidade histórica dos grandes fondos, a protección xurídica das persoas consumidoras e a presión social organizada constitúen vías reais para frear desafiuzamentos e impor límites á especulación financeira no dereito á vivenda.

Fontes:

 

Contidos relacionados