A chamada teoría do shock (ou doutrina do shock), formulada pola escritora Naomi Klein, explica como os poderes económicos e políticos aproveitan crises profundas para impulsar reformas impopulares que, en condicións normais, serían rexeitadas pola cidadanía. A premisa central é que, mentres as sociedades están atordadas polo trauma dun desastre, se desmantelan dereitos sociais e se facilitan procesos de privatización. Esta doutrina, lonxe de ser unha abstracción académica, manifestouse en diversos episodios dende finais do século XX, e pode rastrexarse con claridade nas crises encadeadas do século XXI.
A crise financeira de 2008 foi o primeiro gran escenario desta estratexia. O rescate bancario con diñeiro público supuxo a socialización das perdas da banca privada. O estoupido da burbulla inmobiliaria serviulle de xustificación ao goberno para aprobar unha reforma exprés do artigo 135 da Constitución, pactada entre os dous principais partidos. Esta modificación priorizou o pagamento da débeda por riba de calquera outra necesidade social, consolidando a austeridade como mandato estrutural. As consecuencias traducíronse en recortes en sanidade, educación e dependencia, cuxo impacto prolongado amosa como a crise funcionou como xustificación dunha profunda reconfiguración do gasto público.
A pandemia da COVID-19 non freou esta dinámica, senón que en certos aspectos a acelerou, ao reforzar a concentración do consumo nas grandes corporacións. Mentres a poboación permanecía confinada e o sector da hostalaría entraba en crise, a cadea de supermercados “Mercadona” rexistrou en 2020 o mellor exercicio da súa historia ata a data, cun aumento do 17 % nos seus beneficios. Esta tendencia mantívose nos anos seguintes (agás en 2021). Entre 2019 e 2025, os beneficios de “Mercadona” incrementáronse un 177,53 %, un crecemento moi significativo que contrasta co empeoramento das condicións económicas dunha parte ampla da poboación.
A concatenación destes eventos debuxa un padrón recorrente e recoñecible. As crises sucesivas non actúan como espazos de reforzo da solidariedade, senón como oportunidades para a acumulación de capital e a erosión do común. A destrución, sexa financeira, sanitaria ou climática, crea condicións favorables para que determinados actores económicos impoñan unha orde que, en situacións de estabilidade, atoparía maior resistencia democrática.
Fontes
-
Naomi Klein (2007). “A doutrina do shock. O auxe do capitalismo do desastre”. Editorial Paidós.
-
Turiel Martínez,A. G. Informe sobre la legitimidad de la deuda pública de la Administración Central del Estado de España. https://cdn.vientosur.info/archivos_spip/pdf/Agustin-Turiel-informe-sobre-la-deuda-ilegitima.pdf
-
El Confidencial (2021). Mercadona supera sus récords el año del covid con 727M de beneficio y 26.932 en ventas. https://www.elconfidencial.com/empresas/2021-04-20/mercadona-resultados-2020-coronavirus_3041983/
-
El Salto. El margen de beneficios de Mercadona aumenta un 23% y gana un 40% más en 2023. https://www.elsaltodiario.com/alimentacion/margen-beneficios-mercadona-aumenta-un-735percent-gana-40percent-2023#
-
Europa Press. Mercadona gana 1.729 millones en un 2025 “histórico”, un 25% más, y logra ventas de 41.900 millones. https://www.europapress.es/economia/noticia-mercadona-gana-1729-millones-2025-historico-25-mas-logra-ventas-41900-millones-20260310122037.html