Enésima onda de calor extremo: Europa derrétese coa aceleración da crise climática

Pé de foto: desxeo anormalmente intenso na cara norte do Cervino evidenciando o cambio climático nos Alpes (foto editada de Harry Lauber)

A Axencia Estatal de Meteoroloxía (AEMET) alerta hoxe da entrada dunha nova onda de calor, cando Europa aínda non se recuperou da anterior. Tras un mes de maio de récord de calor veu un mes de xuño aínda peor, con temperaturas no sur de Europa entre 5 e 12ºC máis altas do normal para a época, e este xullo parece que as temperaturas seguirán sendo infernais.

O 23 de xuño, Météo-France sinalou que ese día foi o máis caloroso desde que comezaron as medicións en 1947. En Francia, con temperaturas de máis de 45ºC, tiveron que deter varios reactores nucleares pola calor extrema, algo que non se previra. Ademais de provocar a morte de miles de persoas, as ondas de calor aumentan moito o risco de incendios, aínda máis coas condicións de seca de gran parte do sur de Europa.

Segundo Rubén del Campo (AEMET), “En 2025, España estivo baixo unha onda de calor un de cada tres días”. O quecemento global provocado pola emisión de combustibles fósiles empeorou as ondas de calor en Europa en tan só unhas décadas, e algunhas zonas do continente sofren ata 40 días máis de estrés térmico extremo que na década de 1970. Ademais, o evento de quecemento tropical periódico de “El Niño” botou máis leña ao lume este ano.

A temperatura global do planeta aumentou máis de 0.4ºC no anterior período de “El Niño”, en 2023 e 2024, sorprendendo as científicas e os científicos do clima. Parte deste quecemento tan brutal pode deberse a restricións nas emisións de aerosois por barcos comerciais. Os aerosois son partículas de po en suspensión, que son emitidas xunto aos gases de efecto invernadoiro e que absorben parte da luz solar, reducindo o efecto invernadoiro. Hai grande incerteza no seu efecto no quecemento global posto que o seu estudo é complexo.

Xa superamos o límite de seguranza de 1.5ºC de quecemento, que era o obxectivo a non exceder do fracasado Acordo de París. A Terra é agora máis quente que en calquera momento do Holoceno, os últimos 11.700 anos. O planeta está a deixar de ser habitábel en moitas rexións. As estratexias de adaptación e mitigación son máis urxentes ca nunca: fin dos combustibles fósiles, agricultura rexenerativa, acollida de persoas refuxiadas polo cambio climático… e un profundo cambio do sistema.

O fin do capitalismo é inevitábel. Só falta decidir entre derrubalo para tentar paliar os peores efectos dunha crise climática imparábel ou esperar a que colapse xunto coa civilización humana.


Fontes

Contidos relacionados

MC_2026_07_01_Ext Derecha Medios_Foto_WbX (c)_V
+ info
MC_2026_06_25_Pruitt-Igoe Myth_WbX(c)
+ info
melilla
+ info