Sáhara Occidental: historia e situación actual

En 1963 a ONU adoptou a resolución 1956 (XVIII), que incluía o Sáhara Occidental na lista de Territorios Non Autónomos pendentes de descolonización e reafirmaba o dereito de autodeterminación da poboación autóctona. En 1965, a ONU solicitou ao Estado Español que iniciase o proceso de descolonización e, en 1966, solicitou que se iniciasen as medidas necesarias para a realización dun referendo de autodeterminación auspiciado polas Nacións Unidas. En 1973 xurdiu a Fronte Polisario, un movemento de liberación nacional, co obxectivo de alcanzar a independencia do Estado Español.

As pretensións de Marrocos sobre o territorio do Sáhara Occidental remóntanse ás súas orixes como Estado independente na década de 1950. A elite política artífice do actual Estado promoveu a idea do Gran Marrocos, unha tese xurdida nos anos 20 do século pasado, segundo a cal o país debería abranguer o «Estado actual, o Sáhara Occidental, Mauritania na súa totalidade, as zonas occidentais de Alxeria, o norte de Malí e as cidades españolas de Ceuta e Melilla, así como as prazas de soberanía española no norte de África —a illa de Perejil, Vélez de la Gomera, Alhucemas e Chafarinas—». Estas ideas seguen tendo unha ampla influencia na actual monarquía.

 

O 16 de outubro de 1975, a Corte Internacional de Xustiza desestimou as reivindicacións de soberanía de Marrocos e Mauritania sobre o territorio. Porén, antes desta resolución, Hassan II, monarca de Marrocos e defensor do proxecto do Gran Marrocos, xa levaba meses planificando a anexión do territorio coa axuda dos EUA. Esta operación materializaríase a través da coñecida como «Marcha Verde». O 6 de novembro de 1975, alentados pola monarquía, 350.000 civís e 25.000 militares procedentes de Marrocos entraron no Sáhara Occidental. Ese mesmo día, o Consello de Seguridade da ONU condenou a «marcha» e pediulle a Marrocos que retirase do territorio todas as persoas participantes.

O 14 de novembro de 1975, o Goberno español asinou o coñecido como «Acordo de Madrid» ou «Acordos Tripartitos de Madrid», sen contar co pobo saharauí, polo que se retirou do Sáhara Occidental e o deixou en mans de Marrocos e Mauritania, o que supuxo unha vulneración do dereito internacional e do dereito de autodeterminación do pobo saharauí.

Tras isto, iniciouse a invasión militar do Sáhara Occidental e a Fronte Polisario iniciou a loita armada para defender o seu pobo. O 26 de febreiro de 1976, o Goberno español abandonou definitivamente a súa presenza no territorio sen cumprir as súas obrigas en materia de descolonización como potencia administradora e abandonando o pobo saharauí. Ese mesmo día, o Consello Nacional Saharauí proclamou a República Árabe Saharauí Democrática (RASD), que poucos días despois formaría o seu primeiro goberno. Durante os días seguintes, a RASD lograría o recoñecemento oficial de Madagascar, Burundi e Alxeria. Desde entón, a lista aumentou ata chegar a 84 países. Porén, moitos destes países romperon posteriormente as relacións e unha minoría recoñeceu a soberanía de Marrocos sobre o territorio.

 

Alxeria lograra a súa independencia en 1962, tras celebrar un referendo de autodeterminación despois de oito anos de guerra contra Francia, potencia colonizadora. Transformouse entón nun país de orientación socialista que nacionalizaría empresas francesas. Cando estalou o conflito do Sáhara Occidental, deulle o seu apoio á Fronte Polisario. En plena Guerra Fría, os Estados Unidos e Francia actuarían como aliados de Marrocos e Mauritania.

O apoio dos Estados Unidos a Marrocos inscríbese nunha longa tradición de respaldo a réximes autoritarios. Desde a Segunda Guerra Mundial, Washington interveu en numerosos países para salvagardar os seus intereses estratéxicos e económicos, aliñándose con líderes ditatoriais que garantisen unha política favorable aos seus obxectivos e favorecendo a eliminación de calquera goberno ou disidencia que supuxese un risco para os seus intereses empresariais. Guatemala en 1954, as ditaduras do Cono Sur durante as décadas de 1970 e 1980, no marco do Plan Cóndor, e o respaldo á ditadura dos Somoza en Nicaragua son exemplos desta política. Porén, estes casos non son máis ca unha mostra dunha inxerencia que se estendeu tamén a outros continentes.

O apoio dos Estados Unidos a Marrocos inscríbese nunha longa tradición de respaldo a réximes autoritarios. Desde a Segunda Guerra Mundial, Washington interveu en numerosos países para salvagardar os seus intereses estratéxicos e económicos, aliñándose con líderes ditatoriais que garantisen unha política favorable aos seus obxectivos. Guatemala en 1954, as ditaduras do Cono Sur durante as décadas de 1970 e 1980 —no marco do Plan Cóndor— e o respaldo aos Contras en Nicaragua son exemplos desta política. Porén, estes casos non son máis ca unha mostra dunha inxerencia que se estendeu tamén a outros continentes.

A Fronte Polisario derrotou Mauritania en 1979, que en 1984 recoñecería a RASD. Durante os anos posteriores, o conflito entre a Fronte Polisario e Marrocos continuou mentres a ONU reafirmaba o dereito á autodeterminación e á independencia do Sáhara Occidental e traballaba pola celebración do referendo. En 1991, a ONU creou a Misión das Nacións Unidas para o Referendo no Sáhara Occidental (MINURSO) e alcanzouse un alto o fogo.

Isto supuxo un respiro para a poboación saharauí, que levaba sufrindo todo tipo de atrocidades desde o estalido do conflito en 1975. Desde aquel momento iniciárase un éxodo da poboación desde as cidades cara ao interior do territorio. Así, formouse un campamento de persoas desprazadas en Oum Dreyga, na zona central do país. Este campamento foi bombardeado por Marrocos con napalm e fósforo branco, cuxo uso contra a poboación civil está actualmente especificamente prohibido, entre o 19 e o 21 de febreiro de 1976, cando a retirada oficial do Goberno español do territorio aínda nin sequera se efectuara. Este é un dos episodios máis destacados e mellor documentados, pero non foi o único. Nunha querela presentada pola Asociación de Familiares de Presos e Desaparecidos Saharauís (Afapredesa) e a Asociación Internacional de Xuristas polo Sáhara Occidental denúnciase que, no período comprendido entre novembro de 1975 e o alto o fogo de 1991, «se produciu un ataque sistemático contra a poboación civil saharauí por parte das forzas militares e policiais marroquís: bombardeos contra campamentos de poboación civil, desprazamentos forzados de poboación civil, asasinatos, detencións e desaparicións de persoas, todas elas de orixe saharauí, debido precisamente a esa orixe, coa finalidade de destruír total ou parcialmente ese grupo de poboación e de apoderarse do territorio do Sáhara Occidental».

En 2015, a Audiencia Nacional procesou once altos cargos militares e policiais marroquís por delitos de xenocidio no Sáhara entre 1975 e 1992. Como parte desta acusación, incluíronse os delitos de detención ilegal, torturas, asasinato e desaparición forzada. Na actualidade, as persoas acusadas seguen sen render contas. Non prestaron declaración ante o xuíz debido á inacción do Goberno español e ao bloqueo de Marrocos do proceso xudicial. A pesar de todo, o Estado Español e a UE manteñen relacións diplomáticas e comerciais cun país que non colabora ante algo tan grave como a acusación do delito de xenocidio.

Tras os ataques sufridos, a maior parte das persoas superviventes asentáronse en Tinduf, en territorio alxeriano, onde a día de hoxe seguen vivindo máis de 170.000 persoas.

 

A pesar de que a MINURSO se renova anualmente cada outubro, 35 anos despois aínda non se celebrou o referendo. Por iso, diversas organizacións consideran que a ONU actuou como un actor pasivo ante as accións anexionistas de Marrocos, considerándoa cómplice ao permitir a consolidación da ocupación. Denuncian ademais o papel de Francia, que, como aliada incondicional de Marrocos, bloqueou calquera avance da MINURSO na celebración do referendo, ademais de se opoñer a que este organismo adquirise competencias na supervisión dos dereitos humanos, como outras misións internacionais deste tipo. Por suposto, detrás de todo isto están os intereses económicos de Francia. Por unha banda, as empresas francesas son as principais responsables da explotación ilegal dos recursos naturais do Sáhara Occidental e, pola outra, Marrocos é un importante cliente na compra de armamento francés.

Esta percepción sobre a inoperancia da ONU na resolución do conflito agravouse en 2025, cando o Consello de Seguridade adoptou unha resolución «que considera que unha autonomía real para o Sáhara baixo soberanía marroquí podería constituír unha solución viable» para o conflito.

O «plan de autonomía marroquí para o Sáhara Occidental» foi unha proposta realizada por Marrocos como solución ao conflito en 2007. A pesar de non ter ningunha lexitimidade para reclamar a súa soberanía sobre o territorio, propón como única solución que se recoñeza este territorio como parte de Marrocos, permitindo certo «autogoberno» a través de institucións propias e eliminando calquera posibilidade de independencia.

En 2020, os Estados Unidos foron o primeiro país en recoñecer oficialmente esa soberanía. Este recoñecemento produciuse menos dun mes despois de que Marrocos violase o alto o fogo asinado en 1991 ao atacar a poboación civil saharauí que se manifestaba pacificamente en El Guerguerat para denunciar as violacións dos dereitos humanos e o saqueo dos recursos naturais do seu territorio. Como todo en xeopolítica, este recoñecemento tiña un prezo: o establecemento de relacións diplomáticas entre Marrocos e Israel. Así, Marrocos convertíase no cuarto país participante nos Acordos de Abraham. Promovidos polos EUA, o obxectivo destes acordos é a normalización das relacións diplomáticas entre o Estado sionista e algúns países árabes.

En 2023, Israel sería o segundo país en recoñecer a soberanía marroquí e seguiríano Paraguai, en 2025, e Colombia, en 2026, entre outros, aínda que segue sendo unha posición claramente minoritaria. No caso destes dous últimos recoñecementos, producíronse no marco de gobernos conservadores e de ultradereita, que, influídos polo lobby sionista, priman a procura de acordos comerciais e favorecen os intereses xeoestratéxicos dos EUA e de Israel fronte ás consideracións de dereito internacional neste conflito.

En 2022, o Goberno español deu un xiro a favor de Marrocos e abandonou a súa postura en defensa do dereito de autodeterminación do pobo saharauí ao recoñecer o presidente Pedro Sánchez que o «plan de autonomía marroquí» era a mellor solución para o conflito. Trátase de un paso máis na traizón histórica do Goberno español a este pobo e no abandono das súas responsabilidades sobre o territorio.

En 2024, Francia, aliada histórica de Marrocos, posicionouse oficialmente a favor de Marrocos, recoñecendo que o futuro do territorio pasa polo recoñecemento da soberanía marroquí. Existen outros Estados que expresaron o seu apoio ao plan de autonomía, sen expresar un recoñecemento oficial da soberanía marroquí, pero, de novo, segue sendo unha posición minoritaria.

A presión diplomática de Marrocos e a hipocrisía da UE chegan ata o punto de que esta última está disposta a saltar a legalidade internacional mediante acordos comerciais con Marrocos que vulneran os dereitos do Sáhara Occidental, a pesar das sentenzas do Tribunal de Xustiza da Unión Europea (TXUE).

A pesar das atrocidades cometidas por Marrocos no Sáhara Occidental, a inacción internacional continúa. Séguense mantendo relacións diplomáticas e comerciais cun país que vulnerou de maneira sistemática e flagrante os dereitos humanos, que cometeu violacións graves e continuadas do DIH, que non entrega á xustiza as persoas condenadas pola xustiza internacional por xenocidio, sen realizar esforzos reais e efectivos para que se respecte o dereito internacional. Non só se mira para outro lado, senón que potencias como Francia contribuíron directamente á consolidación da ocupación, proporcionando axuda militar e económica e boicoteando calquera avance na ONU a favor da celebración do referendo, mentres as súas empresas se lucran do saqueo dos recursos naturais do territorio coa conivencia ilegal de Marrocos. Mentres tanto, diversas organizacións seguen denunciando os centos de casos sen resolver de desaparicións forzadas, tortura, colonización continuada, detencións arbitrarias…

Fontes:

  1. AFAPREDESA (s.f.). AFAPREDESA-Annex-1. https://www.ohchr.org/sites/default/files/Documents/Issues/Truth/CallLegacyColonialism/CSO/AFAPREDESA-Annex-1.pdf

  2. Naciones Unidas (2026). Territorios No Autónomos. https://www.un.org/dppa/decolonization/es/nsgt

  3. Sáhara Occidental (2023). Historia del Sáhara Occidental. https://saharaoccidental.es/historia-del-sahara-occidental/breve-historia-sahara-occidental/

  4. Sáhara Occidental (2026). El Frente Polisario. https://saharaoccidental.es/sahara/el-frente-polisario/

  5. El Orden Mundial (2020). Sáhara Occidental, la última colonia en África. https://elordenmundial.com/sahara-occidental-ultima-colonia-africa/

  6. El Orden Mundial (2023). Mapa del Gran Marruecos. https://elordenmundial.com/mapas-y-graficos/mapa-gran-marruecos/

  7. RTVE (2010). 35 años de la Marcha Verde. https://www.rtve.es/rtve/20101006/35-anos-marcha-verde/359560.shtml

  8. Sáhara Occidental (2026). Reconocimientos de la RASD. https://saharaoccidental.es/sahara/reconocimientos-de-la-rasd/

  9. Wikipedia (2026). Conflicto del Sáhara Occidental. https://es.wikipedia.org/wiki/Conflicto_del_Sahara_Occidental

  10. Wikipedia (2026). Opération Lamantin. https://en.wikipedia.org/wiki/Op%C3%A9ration_Lamantin

  11. Wikipedia (2026). Argelia. https://es.wikipedia.org/wiki/Argelia

  12. Público (2026). 50 años de impunidad: Marruecos bombardeó con fósforo blanco y napalm al pueblo saharaui. https://www.publico.es/internacional/africa/50-anos-impunidad-marruecos-bombardeo-fosforo-blanco-napalm-pueblo-saharaui.html

  13. RTVE (2015). El juez Ruz procesa a once altos cargos, militares y policías marroquíes por genocidio en el Sáhara. https://www.rtve.es/noticias/20150409/juez-ruz-procesa-a-once-altos-cargos-militares-marroquies-por-genocidio-sahara/1126482.shtml

  14. Survie (2025). Marche pour la liberté : le Maroc doit libérer les prisonniers politiques. https://survie.org/l-association/mob/article/marche-pour-la-liberte-le-maroc-doit-liberer-les-prisonniers-politiques

  15. L’Expression (2020). Sahara occidental : le rapport de Guterres est réducteur. https://www.lexpressiondz.com/info-en-continu/sahara-occidental-le-rapport-de-guterres-est-reducteur-323742

  16. No te olvides del Sáhara Occidental (s.f.). Francia rechaza que la MINURSO supervise los derechos humanos en el Sáhara Occidental. https://noteolvidesdelsaharaoccidental.org/francia-rechaza-que-la-minurso-supervise-los-derechos-humanos-en-el-sahara-occidental/

  17. AL24 News (2025). Polisario: Morocco continues to obstruct Western Sahara referendum with French backing. https://al24news.dz/en/polisario-morocco-continues-to-obstruct-western-sahara-referendum-with-french-backingpolisario/

  18. Amnistía Internacional (2025). Sáhara: agonía y traición. https://blogs.es.amnesty.org/andalucia/2025/11/14/sahara-agonia-y-traicion/?mo=07&yr=2026

  19. No te olvides del Sáhara Occidental (s.f.). Plan de autonomía marroquí para el Sáhara Occidental. https://noteolvidesdelsaharaoccidental.org/plan-de-autonomia-marroqui-sahara-occidental/

  20. BBC News Mundo (2020). Acuerdos de Abraham: el histórico acuerdo entre Israel y Marruecos con el que Trump logra otra victoria diplomática. https://www.bbc.com/mundo/noticias-internacional-55267560

  21. Sáhara Occidental (2025). Ruptura del alto el fuego en el Sáhara Occidental. https://saharaoccidental.es/historia-del-sahara-occidental/ruptura-alto-fuego-sahara-occidental/

  22. El Sáhara Occidental (2023). Marruecos y los Acuerdos de Abraham. https://www.elsaharaoccidental.com/marruecos-y-los-acuerdos-de-abraham/

  23. No te olvides del Sáhara Occidental (s.f.). Apoyo internacional a Marruecos sobre el Sáhara Occidental: un bulo. https://noteolvidesdelsaharaoccidental.org/apoyo-internacional-marruecos-sahara-occidental-bulo/

  24. Lisa News (2024). Qué países apoyan el plan de autonomía de Marruecos sobre el Sáhara Occidental. https://www.lisanews.org/actualidad/que-paises-apoyan-el-plan-de-autonomia-de-marruecos-sobre-el-sahara-occidental/

  25. elDiario.es (2024). La Justicia europea confirma la anulación del acuerdo pesquero entre la UE y Marruecos por vulnerar los derechos del pueblo saharaui. https://www.eldiario.es/desalambre/justicia-europea-confirma-anulacion-acuerdo-pesquero-ue-marruecos-vulnerar-derechos-pueblo-saharaui_1_11705936.html

  26. elDiario.es (2025). La UE negocia con Marruecos un acuerdo comercial para productos del Sáhara Occidental pese a las sentencias judiciales. https://www.eldiario.es/internacional/ue-negocia-marruecos-acuerdo-comercial-productos-sahara-occidental-pese-sentencias-judiciales_1_12642710.html

Contidos relacionados