Os días 6 e 7 de novembro de 2026 desenvolveranse accións en toda Europa para dicir NON aos centros de datos contaminantes de hiperescala, baixo o lema: Basta de centros de datos! – Stop Dirty Data Centres!
Os centros de datos de hiperescala, deseñados para alimentar a intelixencia artificial das grandes corporacións, están a consumir os nosos recursos, a degradar os nosos territorios e a precarizar as nosas vidas. Non son infraestruturas neutrais: son un proxecto empresarial ao servizo dos beneficios privados que vulneran dereitos e o medio ambiente.
-
A auga non é un refrixerante. A auga que falta en pozos, casas e regadíos condúcese cara aos centros de datos que devoran auga potable para arrefriar uns servidores que xeran unha calor extrema. Un macrocentro de 100 megavatios pode chegar a gastar ata 288.000 litros de auga por hora.
-
A paisaxe e a saúde dos barrios. Ademais da transformación visual e física e a alteración do solo e da biodiversidade, un centro de datos supón problemas de saúde derivados da chegada dun ruído insoportable dos xeradores e dos sistemas de refrixeración, a contaminación atmosférica das centrais de gas que os alimentan e o aumento das illas de calor.
-
A factura da luz e a vivenda. A expansión dos centros de datos está a tensar a rede eléctrica e a encarecer a factura da luz (a electricidade sobe ata un 23%). Ademais as grandes corporacións reciben subvencións mentres a cidadanía paga a tarifa. Por outra banda eses mesmos fondos que constrúen centros de datos son os que compran vivendas para alugalas a prezos abusivos .
-
Non son empregos, é precariedade. Os centros de datos reciben enormes subvencións públicas e apenas xeran emprego local significativo. Ademais os servizos de IA que albergan están directamente relacionados coa destrución de postos de traballo e coa perda de poder de negociación da clase traballadora.
-
A crise climática non admite máis falsas solucións. A infraestrutura da IA encadéanos aínda máis aos combustibles fósiles. A Axencia Internacional da Enerxía estima que os centros de datos poderían representar o 3% da electricidade mundial en 2030. A enerxía que aí se inviste non se dedica a refrixerar fogares, electrificar o transporte público ou descarbonizar a industria.
Os días 6 e 7 de novembro de 2026, únete ás accións convocadas en toda Europa baixo o lema Stop Dirty Data Centres!! Esiximos unha moratoria inmediata sobre os grandes centros de datos ata que se decida democraticamente que IA queremos, para que serve e a quen beneficia. A nosa terra e as nosas vidas non son o combustible dunha carreira tecnolóxica que só beneficia a un puñado de corporacións!!
Vémonos nas rúas!!
Ninguén o fará por nós!!