Hoxe, 24 de xuño de 2026, cúmprese o cuarto aniversario da masacre na fronteira de Melilla, un episodio no que 37 persoas perderon a vida, 76 desapareceron e case 500 foron devoltas a Marrocos sen garantías. A ausencia de depuración de responsabilidades políticas e penais converte este caso nun exemplo paradigmático de racismo institucional e de violación sistemática dos dereitos humanos nas fronteiras do Estado español.
Os feitos producironse o 24 de xuño de 2022, cando arredor de dúas mil persoas tentaron cruzar o valo que separa Nador (Marrocos) e Melilla (Estado español). A represión policial exercida por ambos os dous países provocou numerosas mortes e persoas feridas. Aínda que o Goberno español só recoñece 23 mortes, diversas organizacións defesoras dos dereitos humanos elevaron a cifra a 37. Pola súa banda, Amnistía Internacional considera que, dadas as circunstancias posteriores aos feitos, o número de vítimas mortais podería ser superior a 100.
A organización basea esta estimación nos testemuños recollidos tras a masacre. Moitas persoas foron trasladadas sen recibir asistencia médica, producíndose falecementos durante o traxecto e foron abandonadas en zonas afastadas da fronteira sen ningún tipo de garantías. Outros relatos, segundo CEAR, denuncian que a Garda Civil continuou golpeando persoas feridas cando xa estaban baixo control policial.
Diversas organizacións, como CEAR ou Amnistía Internacional, denuncian que ese día o Estado español vulnerou os dereitos das persoas que tentaban cruzar a fronteria, tanto polo uso desproporcionado da froza (emprego de gases lacrimóxenos, gas pementa, pedras e bólas de goma) como polas posteriores “devolucións en quente”, amparadas pola coñecida como “lei Mordaza” na lexislación española, pero contrarias ao dereito internacional. Un total de 470 persoas migrantes foron devoltas de maneira inmediata, nun acto que relatores da ONU cualificaron como unha violación flagrante do dereito internacional e unha manifestación de “racismo sistémico” fronteirizo.
As “devolucións en quente” consisten na expulsión das persoas migrantes ou refuxiadas sen garantir os dereitos recollidos na Convención sobre o Estatuto dos Refuxiados.
A pesar da gravidade dos feitos, en Marrocos non se permitiu a identificación das persoas falecidas nin se investigou a violencia exercida polas súas forzas de seguridade. No Estado español, a Fiscalía arquivou a causa en 2022, unha decisión que foi duramente criticada por organizacións defensoras dos dereitos humanos, ao considerar que consolidou a impunidade polos feitos acontecidos aquel día.
O acontecido aquel día, unido á falta dunha investigación rigorosa dos feitos, supón unha vulneración do dereito á vida e á integridade física; do acceso ao dereito de asilo; da prohibición da tortura e dos malos tratos; da prohibición das expulsións colectivas; e tamén unha omisión do deber de socorro. Trátase dun exemplo máis de racismo institucional e de como a militarización das fronteiras gaña peso fronte á legalidade internacional.
Fontes:
-
Amnistía Internacional (2024). Tragedia en la valla de Melilla: Un año de impunidad tras la masacre. https://www.es.amnesty.org/en-que-estamos/blog/historia/articulo/tragedia-en-la-valla-de-melilla-nunca-mas/
-
Diario Red (2025). A tres años de la masacre de Melilla: impunidad, contrato racial y violencia institucional. https://www.diario-red.com/articulo/espana/tres-anos-masacre-melilla-impunidad-contrato-racial-violencia-institucional/20250626094520050072.html
-
RTVE (2022). Marruecos eleva a 23 los muertos en el salto a la valla de Melilla. https://www.rtve.es/noticias/20220626/marruecos-eleva-a-23-muertos-salto-a-valla-melilla/2385440.shtml
-
Axencia da ONU para os Refuxiados (ACNUR) (2022). Convención sobre o Estatuto dos Refuxiados de 1951. https://www.acnur.org/media/convencion-sobre-el-estatuto-de-los-refugiados-de-1951
-
CEAR (Comisión Española de Ayuda al Refugiado) (2025). Masacre de Melilla: tres años de impunidad. https://www.cear.es/noticias/masacre-melilla-24-junio/
-
Amnistía Internacional (2022). ¿Qué son las devoluciones en caliente? 7 claves para entenderlas. https://www.es.amnesty.org/en-que-estamos/blog/historia/articulo/que-son-las-devoluciones-en-caliente-7-claves-para-comprenderlo/
