Durante a Guerra Fría, e baixo o paraugas da Doutrina Truman, os Estados Unidos de América puxeron en marcha unha rede de exércitos clandestinos coñecida como Operación Gladio. Este sistema, bautizado oficialmente como stay behind (ficar detrás), foi deseñado pola CIA e a OTAN para actuar en caso dunha invasión soviética de Europa Occidental, e empregouse ante a boa imaxe da que gozaba a URSS en varios países europeos tras a vitoria contra o nazismo. Porén, a súa existencia non trascendeu ata outubro de 1990, cando o primeiro ministro italiano Giulio Andreotti a recoñeceu no Parlamento.
A motivación última desta trama radicaba no anticomunismo e antiprogresismo compartido por varios servizos de intelixencia e poderes fácticos. Fóra da súa suposta misión defensiva, estas estruturas empregáronse para desestabilizar e frear o ascenso político das esquerdas nos países aliados. Así, o obxectivo era impedir calquera ameaza ao statu quo capitalista, con frecuencia mediante métodos de guerra non convencional, como espionaxe, atentados e ataques violentos.
Italia converteuse no principal teatro destas operacións. Alí, a rede estivo vinculada á chamada estratexia da tensión, unha serie de atentados de falsa bandeira que se atribuíron a grupos de esquerda para xustificar a súa represión. O atentado de Piazza Fontana, en 1969, onde faleceron 17 persoas, é un dos episodios máis coñecidos deste período. O escándalo político que seguiu á revelación de Andreotti provocou investigacións xudiciais e parlamentarias en varios países, aínda que a meirande parte da documentación atópase aínda clasificada.
Mais esta rede non se limitou a este Estado, senón que se estendeu por uns quince países europeos, incluíndo Bélxica, Grecia e Turquía. Aínda que a súa presenza no Estado Español non foi oficialmente confirmada, diversas investigacións apuntan a que o país xogou «un papel clave» nestas operacións
Malia non existir fontes directas, as investigacións sinalaron a conexión entre os servizos secretos italianos, a extrema dereita e as estruturas de Gladio.
A existencia desta operación só pon de manifesto o funcionamento de persecución por parte da OTAN e a CIA a calqueira movemento que poida cuestionar e ameazar ao capitalismo.