
O antifascismo xorde en Europa fai aproximadamente un século como resposta á expansión do fascismo. Cobra relevancia tras a chegada de Mussolini ao poder en Italia (1922) e de Adolf Hitler en Alemaña (1933).
A súa principal manifestación organizativa nos inicios foron as Frontes Populares da década de 1930, que trataron de frear o perigo fascista na maioría dos países da Europa Occidental. No referente ao Estado español, durante a Guerra Civil o antifascismo converteuse nun fenómeno de masas de dimensión internacional coa participación das Brigadas Internacionais. En Alemaña, o grupo da Rosa Branca, liderado polos irmáns Scholl, executados en 1943, pero o seu legado perdura como símbolo da oposición xuvenil ao nazismo.
Trátase dun movemento heteroxéneo, que agrupa dende entón a comunistas, socialistas, anarcosindicalistas, republicanos de esquerda e progresistas en xeral, xunto con amplos sectores da intelectualidade.
Na actualidade, diversas organizacións de ultradereita e neonazis manteñen unha activa campaña de criminalización do movemento antifascista. Así, Vox rexistrou unha proposición non de lei no Congreso que esixiría a disolución das organizacións vinculadas a “Antifa” e a súa inclusión na lista de organizacións terroristas da Unión Europea. Este movemento segue a estratexia ensaiada por Trump, quen asinou unha orde executiva designando a “Antifa” como “organización terrorista doméstica”.
Fronte a esta ofensiva, o antifascismo mantense como unha ferramenta de análise e resistencia ante o avance autoritario. A resposta da cidadanía organizada inclúe desde folgas xerais e protestas masivas ata accións de vixilancia e interferencia fronte ás políticas represivas e os grupos fascistas.