O documental «The Pruitt-Igoe Myth» (2011), dirixido por Chad Freidrichs, conta a historia do complexo de vivenda pública Pruitt-Igoe, construído en 1954 e demolido en 1976 en Saint Louis (Estados Unidos). O autor expón as causas socioeconómicas e o racismo e clasismo institucionais que provocaron o fracaso deste proxecto, utilizado durante décadas por determinados sectores para xustificar ideas racistas e presentar a vivenda pública como un modelo condenado ao fracaso nos Estados Unidos.
O complexo Pruitt-Igoe foi concibido ao abeiro da Federal Housing Act de 1949, unha iniciativa federal que proporcionaba fondos ás cidades para a eliminación de barrios degradados (“slums”), a reurbanización do espazo urbano e a construción de vivenda accesible. A lexislación, que proclamaba o obxectivo de «un fogar digno e un ambiente de vida axeitado para cada familia estadounidense», baseábase na premisa de que os problemas sociais podían resolverse simplemente mediante a provisión de vivenda, sen atender ás causas estruturais que sustentaban a desigualdade.
No artigo «The Pruitt-Igoe Myth», publicado en 1991, Katharine G. Bristol, profesora da Universidade de California en Berkeley, argumenta que o fracaso do complexo non foi consecuencia da súa arquitectura nin dos seus residentes (as teses dominantes ata entón), senón que respondeu a factores estruturais socioeconómicos da cidade de Saint Louis e a determinadas decisións políticas.
Por unha banda, non houbo unha previsión correcta dos fluxos demográficos. Naquelas décadas, unha parte importante da poboación branca estadounidense de clase media trasladouse ás áreas metropolitanas, onde podía acceder a vivendas máis económicas. Isto aumentou a dispoñibilidade de vivenda accesible dentro da cidade. Ademais, a localización do proxecto no North Side de Saint Louis, unha zona onde se concentraba a poboación negra e con menos recursos, contribuíu a reforzar a segregación desde o inicio.
Por outra banda, o reducido orzamento destinado ao proxecto provocou que a súa construción se realizase con materiais de moi baixa calidade, o que acelerou a degradación do complexo desde o momento da súa inauguración. A calidade dos materiais era tan deficiente que o deterioro resultaba inevitable: os pomos e as pechaduras rompían no primeiro uso e os marcos das fiestras non resistían a presión do vento.
Estes factores, xunto coas estritas normas que o goberno impoñía ás persoas residentes, como a prohibición de que os pais permanecesen no fogar, provocaron un éxodo progresivo da poboación con máis recursos, permanecendo unicamente os fogares con rendas máis baixas. Segundo a Lei de Vivenda de 1949, os custos de mantemento dos proxectos debían ser asumidos polas autoridades locais de vivenda a partir dos alugueiros cobrados ás persoas inquilinas. Esta situación provocou unha grave falta de mantemento por insuficiencia de fondos, acelerando o declive do complexo. A espiral de degradación e violencia intensificouse ata que as autoridades locais o consideraron inhabitable e ordenaron a súa demolición definitiva en 1976.
A demolición controlada dos tres primeiros edificios en 1972 foi retransmitida pola televisión e converteuse nunha imaxe emblemática que durante décadas se utilizou como símbolo do suposto fracaso da arquitectura modernista e da vivenda pública. Tamén serviu para lexitimar discursos racistas que atribuían supostas patoloxías culturais ás persoas residentes.
O documental «The Pruitt-Igoe Myth» recolle as teses de Bristol e pon o foco nas verdadeiras causas institucionais e estruturais do fracaso do proxecto, ao tempo que dá voz ás persoas que viviron nel.
A Lei de Vivenda de 1949 utilizouse como un mecanismo para eliminar as clases desfavorecidas dos centros urbanos co obxectivo de favorecer o desenvolvemento económico e a revalorización do solo. O racismo económico e institucional, materializado na falta de mantemento, na construción deficiente derivada dos recortes orzamentarios e na ausencia de servizos básicos, contribuíu á creación de novos guetos de pobreza e segregación racial, onde a poboación negra e migrante quedou confinada con escasas posibilidades de mobilidade social.
Tanto o documental como o artigo de Katharine G. Bristol seguen a ser ferramentas fundamentais para comprender os límites das políticas de vivenda cando non van acompañadas doutras medidas destinadas a combater as desigualdades económicas e sociais. O caso de Pruitt-Igoe amosa que a construción de vivenda accesible, por si soa, non é suficiente para garantir a integración social nin a igualdade de oportunidades. Para reducir a segregación e a exclusión é necesario complementar as políticas de vivenda con estratexias de redistribución da riqueza, acceso ao emprego, investimento en servizos públicos e desenvolvemento comunitario que permitan afrontar as causas estruturais da desigualdade.
Documental: https://vimeo.com/8578791007879100
Fontes
-
The Pruitt-Igoe Myth (2011). About. https://pruitt-igoe.com/about.html
-
Bristol, G.K. (1991). The Pruitt-Igoe Myth. https://urbanpolicy.net/wp-content/uploads/2015/06/Bristol1991_Pruitt-Igoe_Myth.pdf