Un millón de firmas esixe a Bruxelas a suspensión do acordo comercial con Israel

A cidadanía europea activou un dos mecanismos de democracia directa máis potentes da Unión para frear o que considera unha complicidade institucional coas violacións de dereitos humanos en Palestina. A Iniciativa Cidadá Europea Esixir a suspensión total do Acordo de Asociación UE-Israel á vista das violacións dos dereitos humanos cometidas por Israel superou o millón de sinaturas en menos de tres meses, un fito que obrigará a Comisión Europea a pronunciarse publicamente e a debater a cuestión no Parlamento Europeo.

A campaña, rexistrada co expediente 2025/000005 e iniciada o pasado 13 de xaneiro, acadou apoios masivos en Francia, Italia e o Estado Español, que xa superou o limiar mínimo de firmas requirido. O obxectivo dos promotores (a alianza de esquerdas European Left Alliance e diversas organizacións civís) é invocar a cláusula de dereitos humanos do artigo 2 do propio tratado comercial, que condiciona as relacións bilaterais ao respecto dos principios democráticos e as liberdades fundamentais.

O contexto no que irrompe esta mobilización cidadá está marcado pola parálise política no seo do Consello da Unión Europea. A presidenta da Comisión, Ursula von der Leyen, propuxo en setembro de 2025 a suspensión das disposicións comerciais do acordo e a aplicación de aranceis ás importacións israelís, mais a medida non prosperou debido á falta de maioría cualificada e ao veto reiterado de Hungría. A recente derrota electoral de Viktor Orbán o 12 de abril abre unha nova xanela de oportunidade diplomática.

Mentres Bruxelas adía a decisión, o volume de intercambios comerciais non deixa de medrar: en 2024 o comercio de mercadorías entre a UE e Israel ascendeu a 42.600 millóns de euros, consolidando o bloque comunitario como o primeiro socio do Estado israelí, segundo datos da Comisión Europea.

Os impulsores da campaña apoian a súa demanda en informes de organismos internacionais. Un informe da Oficina do Alto Comisionado da ONU para os Dereitos Humanos (OHCHR) publicado en marzo de 2026 documenta o desprazamento forzoso de máis de 36.000 palestinos en Cisxordania e advirte da existencia dun “réxime institucionalizado de discriminación sistemática”. O alto comisionado Volker Türk alertou de que as prácticas israelís “suscitan preocupacións de limpeza étnica”. A esta denuncia súmase o balance de vítimas na Franxa de Gaza, onde fontes sobre o terreo cifran en máis de 70.000 as persoas gazatís asasinadas, a maioría civís, incluíndo arredor de 20.000 nenos e nenas. Ante este panorama, máis de sesenta organizacións humanitarias, lideradas por Amnistía Internacional, emitiron o 15 de abril unha carta conxunta instando a UE a suspender o acordo para non converter a cláusula de dereitos humanos en “letra morta”.

O procedemento institucional obriga a Comisión Europea a responder. Unha vez verificadas as sinaturas polas autoridades nacionais, a Comisión Europea terá que recibir as persoas promotoras e organizar unha audiencia pública no Parlamento Europeo. Aínda que o Executivo comunitario non está legalmente obrigado a lexislar, si debe emitir unha resposta motivada e exporse ao escrutinio da opinión pública e da Eurocámara. A eurodeputada Catarina Martins resumiu o sentir da campaña ao afirmar que “os cidadáns de toda Europa están a dicir que isto debe parar”. Nun momento no que o Consello de Asuntos Exteriores volverá reunirse o 21 de abril en Luxemburgo para abordar previsiblemente novas sancións, a iniciativa cidadá evidencia a presión popular para situar a defensa dos dereitos humanos no centro da política exterior europea.

Fontes

Contidos relacionados

MC_2026_05_04_Incendios_WbX (c)
+ info
MC_2026_05_02_Logros_Sindicatos_Vivenda_WbX (c)
+ info
MC_2026_04_28_Genocidio Congo_WbX (c)_V
+ info