O xenocidio esquecido do Congo: seis millóns de mortes

A rexión leste da República Democrática do Congo (RDC) vive desde hai tres décadas un dos peores xenocidios do mundo, con máis de seis millóns de mortes, sendo case a metade menores de 5 anos, e sete millóns de persoas desprazadas. Un país rico en minerais como ouro, cobre, diamantes e coltán (empregado na fabricación de teléfonos móbiles) cuxa cidadanía vive na pobreza e nun estado de guerra e vulneración masiva de dereitos humanos permanente.

Actualmente, a ocupación das cidades de Goma e Bukavu polo grupo armado M23 provocou execucións sumarias, violencia sexual sistemática e traballo forzado. Informes da ONU e de Human Rights Watch sinalan a participación directa do exército ruandés nas operacións do M23, así como o recrutamento forzoso da infancia para tarefas bélicas e mineiras. O extractivismo mineral continúa como motor do conflito. O 90 % do ouro congolés é contrabandeado a Ruanda e Uganda, e o control das minas de Rubaya, que producen o 15 % do coltán mundial, reporta ao M23 uns 800.000 dólares mensuais en impostos ilegais.

A comunidade internacional mantén unha complicidade silenciosa co réxime de Kagame, considerado aliado estratéxico de Occidente. O acordo asinado polo goberno dos Estados Unidos en febreiro de 2026 facilita o acceso a xacementos de coltán e tantalio no Congo, minerais esenciais para a industria tecnolóxica. Empresas como Apple, Tesla e Microsoft dependen destes materiais, extraídos en condicións de escravitude moderna en minas controladas por grupos armados. Ruanda, sen reservas significativas destes minerais, converteuse no principal exportador mundial de coltán grazas ao contrabando desde o territorio congolés.

Ante a complicidade dos gobernos occidentais, a cidadanía debe actuar. O boicot estratéxico a Apple, Tesla e Microsoft polo seu extractivismo no Congo ten o potencial de lles producir perdas millonarias, como no caso do boicot a empresas cómplices no xenocidio palestino. A demanda aos nosos gobernos de romper relacións comerciais con Ruanda e aplicar sancións ten que escoitarse nas rúas. Un exemplo de acción colectiva fronte ao xenocidio congolés foi a campaña internacional “Don’t Visit Rwanda”, que logrou visibilizar o lavado de imaxe do goberno ruandés, que patrocinaba clubs de fútbol europeos como Arsenal, Bayern Múnic e Paris Saint-Germain. En novembro de 2025, Arsenal rescindiu o contrato coa marca turística ruandesa tras a presión da cidadanía organizada.

Fontes

Contidos relacionados

MC_2026_04_22_Imaxe Blackstone Israel_WbX (c)_V
+ info
Persoas nunha manifestación na Porta do Sol en Madrid
+ info
MC_2026_04_17_Lucha campesina_WbX (c)_V
+ info