Estados Unidos bombardeou Venezuela nesta pasada madrugada e secuestrou ao seu presidente, Nicolás Maduro, e á primeira dama, Cilia Flores. Seguindo as pautas marcadas pola reactivación da Doutrina Monroe por parte da administración Trump, abriuse un novo capítulo da prolongada inxerencia estadounidense en Venezuela que ten como principal obxectivo xestionar o petróleo do país coa maior reserva do mundo. Tal e como declarou a congresista republicana de Florida, María Elvira Salazar, nunha entrevista recente en Fox Business “Venezuela, para as petroleiras estadounidenses, será un festín”.
A estratexia económica, xurídica e mediática estadounidense iniciouse buscando, e acadando, a declaración da opositora María Corina Machado como Premio Nóbel da Paz e asociando a figura de Maduro ao Cártel dos Soles, organización pantasma que Trump emprega para presionar e acurralar ao presidente venezolano. O segundo paso iníciase co secuestro do presidente venezolano que segundo anunciou a fiscal xeral dos Estados Unidos será sometido a un proceso por “narcoterrorismo” (se ben a pretensión de xulgar a un xefe de estado estranxeiro carece de base legal, pois contradí a Convención de Viena sobre Relacións Diplomáticas e o principio de inmunidade soberana) ao tempo que se abre a porta para a desestabilización do réxime bolivariano que permita a chegada dunha nova figura na presidencia do país.
Precisamente nesta madrugada a opositora e cuestionada Nóbel da paz María Corina Machado, (cómplice activa dos intentos de golpe de estado, das “guarimbas” que deixaron ducias de mortos nas rúas venezolanas así como do bloqueo económico ao que está sometida Venezuela), asegurou que “EEUU cumpriu a súa promesa de facer valer a lei” ao tempo que tamén anunciou que “estamos preparados para tomar o poder” e reclamou que Edmundo González sexa o novo presidente pedindo aos militares que o apoien.
Por outra banda mentres Rusia, Brasil, Cuba ou China condenan a flagrante violación do dereito internacional así como o ataque á soberanía de Venezuela, a Unión Europea continúa comportándose como una colonia estadounidense evitando pronunciarse sobre o ataque de EEUU a Venezuela e reducindo a súa posición a que hai que defender a seguridade da cidadanía no país. E fronte a isto cabe destacar a rápida resposta da cidadanía nas rúas condenando a flagrante violación da soberanía venezolana por parte de EEUU.
Estes eventos reactivan os escenarios deseñados durante a administración Trump (2017-2021), que inclúen sancións asfixiantes, intentos de golpe de estado e operacións encubertas. Se ben ata o momento ningunha destas estratexias lograron desestabilizar permanentemente o goberno bolivariano, mais si profundaron a crise humanitaria e o éxodo poboacional. Despois da intervención estadounidense desta madrugada, o discurso dos EEUU centrado na intervención sobre Venezuela para recuperar a democracia e perseguir o narcoterrorismo queda en evidencia coa súa violación incuestionable do dereito internacional, así como das declaracións públicas do presidente Trump indicando que os EEUU “estarán moi fortemente involucrados” no sector petrolífero do país.