COP31: blindar ás corporacións, destrozar o clima

Perante o resultado da COP31 de 2026, celebrada en Antalya, Turquía, baixo a presidencia conxunta de Turquía e Australia, a comunidade internacional volveu eludir as súas responsabilidades históricas. Por primeira vez dende o 2009 non se acada un acordo entre as partes despois de que o texto final eliminase calquera referencia explícita á necesidade de abandonar os combustibles fósiles e suprimiu a meta de financiamento de 120.000 millóns de dólares. O resultado final non é máis que o sometemento global aos beneficios das grandes corporacións e dos países que se enriquecen contaminando, mentres millóns de persoas son condenadas a un futuro de secas, inundacións e desprazamentos.

A COP31 pechouse sen acordo entre as partes despois dun último borrador que evitaba nomear a causa principal da crise climática: os combustibles fósiles. O borrador inicial, que incluía un chamamento a acelerar a eliminación progresiva do carbón, o petróleo e o gas, foi substituído por unha versión máis curta na que calquera mención aos combustibles fósiles desapareceu por completo. O texto final limitábase a unha invitación voluntaria a aumentar a cota de electricidade no consumo enerxético global ata o 35% en 2035, sen especificar que esa electricidade deba proceder de fontes renovables. É dicir: o obxectivo pódese cumprir queimando gas e carbón. Ao mesmo tempo, o documento outorga un protagonismo inédito ás tecnoloxías de captura, uso e almacenamento de carbono (CCUS, as súas siglas en inglés), unha falsa “solución” que só serve para que a industria fósil teña unha coartada para prolongar o seu negocio contaminante. Omitir a causa no texto imposibilita completamente calquera tipo de rendición de contas, xa que non hai obxectivos vinculantes, nin calendarios nin obrigas de financiamento.

A declaración conxunta final non foi aprobada. Un grupo de países, conformado polos estados da UE, os pequenos estados insulares e varios estados africanos e latinoamericanos, expresou o seu rexeitamento frontal a un documento que ignore explicitamente os combustibles fósiles. Ademais os 44 países máis empobrecidos, que son os que sofren as consecuencias máis devastadoras, representan a máis de 1000 millóns de persoas e apenas un 3,3% das emisións globais, esixiron un mecanismo de xustiza climática e lamentaron que as súas demandas de financiamento (máis de 1 billón de dólares) fosen ignoradas. Isto non fai máis que probar que o multilateralismo climático está secuestrado polos intereses dos grandes contaminadores.

Occidente, e en particular os Estados Unidos e a Unión Europea, volveu demostrar que a súa retórica climática se detén onde comezan os compromisos vinculantes. Estados Unidos non enviou delegación oficial por segundo ano consecutivo, mentres a UE, aínda que criticou o texto pola non referencia explícita aos combustibles fósiles, resistiuse a asumir novas obrigas financeiras, o que na práctica significa continuar camiñando cara ao abismo. Se ben non só Occidente amosou unha posición irresponsable. China, o maior emisor do mundo de GEI (17.400 millóns de toneladas de GEI) segue a apostar polo carbón; Rusia, cuarto emisor GEI foi o estado que máis aumentou os GEI no 2025; Australia, é o terceiro maior exportador de combustibles fósiles do mundo; a India, terceiro emisor actual con 4.220 millóns de toneladas, mantén máis da metade da súa xeración eléctrica baseada no carbón e planifica o seu incremento; e, por suposto, Arabia Saudita, continuou consolidando o seu liderado histórico de obstrución das negociacións climáticas.

Por outra banda, segundo o FMI, en 2024 os subsidios aos combustibles fósiles acadaron 7,4 billóns de dólares. Isto contrasta co que reciben os países empobrecidos, pois dos 305.000 millóns de dólares anuais que precisan para adaptarse ata 2035, apenas recibiron en 2024 entre 28.000 e 32.000 millóns de fontes públicas internacionais. Así pois as grandes corporacións e as economías estatais que se beneficiaron historicamente (e que se benefician hoxe!) da queima de combustibles fósiles seguen externalizando os custos sobre os máis vulnerables.

O fracaso da COP31 non é unha abstracción institucional, senón a expresión dunha derrota colectiva. O Programa das Nacións Unidas para o Medio Ambiente (PNUMA) concluíu que a posibilidade de limitar o quecemento a 1,5°C xa se perdeu completamente. O propio borrador da presidencia recoñece que, aínda cumprindo todos os plans nacionais, o aumento sería de aproximadamente 2,6°C. Isto tradúcese en que millóns de persoas en África, Asia meridional, América Latina e os pequenos Estados insulares enfrontarán secas prolongadas, inundacións catastróficas, perda de colleitas e desprazamentos forzosos durante as próximas décadas.

Ao mesmo tempo a crise climática está a provocar xa unha espiral de endebedamento nos países empobrecidos: os desastres naturais destrúen infraestruturas e medios de vida, mentres os Estados deben pedir préstamos a tipos de xuro elevados para reconstruír, o que reduce a súa capacidade de investir en adaptación e perpetúa a súa dependencia. O sistema multilateral, xa moi debilitado, sae desta COP aínda máis erosionado, pois o acordo global nin sequera nomea a causa do cambio climático e oriéntase a protexer os intereses de quen contamina.

Se ben, a consecuencia central da non aprobación dunha declaración final conxunta entre as partes é a erosión da lexitimidade democrática da gobernanza climática global. Se algo quedou claro nesta COP31 é que unha minoría de Estados produtores de petróleo, aliñados coas grandes corporacións fósiles, pode bloquear calquera avance significativo que se poida producir. Semella forzosamente necesario mudar o actual sistema de consenso, pois de facto convértese nun instrumento de veto por parte dos contaminadores. Os pobos (especialmente comunidades indíxenas, campesiñado e poboacións costeiras) ven negado o seu dereito a decidir sobre os territorios que habitan, polo que a súa soberanía vese directamente agredida e abocada a un futuro onde o clima se decide en función dos intereses da industria extractiva. Así pois a loita contra o cambio climático é tamén a loita pola democracia, xa que sen capacidade de controlar as decisións que afectan ás condicións materiais da vida, a democracia redúcese a unha carcasa completamente baleira.

A COP31 fracasou porque o sistema de gobernanza climática está deseñado para protexer os beneficios das grandes corporacións e dos países que se enriquecen contaminando. A loita contra a emerxencia climática é inseparable da loita contra o capitalismo fósil, pola soberanía dos pobos e pola democracia real. Non hai transición xusta posible sen ruptura co sistema capitalista que somete os pobos completamente ao poder das grandes corporacións que, ao mesmo tempo, nos condenan ao abismo.


Fontes

Diario Público (2026). La COP31 va a la prórroga sin avances reales para que el planeta abandone los combustibles fósiles. https://www.publico.es/sociedad/m-ambiente/cop31-prorroga-avances-reales-planeta-abandone-combustibles-fosiles.html

Diario Público (2026). El abandono de los combustibles fósiles desaparece del nuevo borrador de la COP31. https://www.publico.es/sociedad/m-ambiente/abandono-combustibles-fosiles-desaparece-nuevo-borrador-cop31.html

ECOticias.com El Periódico Verde (2026). Greenpeace denuncia un borrador de la COP31 que da oxígeno a los fósiles y aplaza la financiación. https://www.ecoticias.com/cambio-climatico/borrador-de-la-cop31-greenpeace-fosiles

ECOticias.com El Periódico Verde (2026). Greenpeace en la COP31 denuncia un salvavidas para las petroleras y promesas vacías para el sur global. https://www.ecoticias.com/cambio-climatico/greenpeace-en-la-cop31-petroleras-financiacion

elDiario.es (2026). La Cumbre del Clima entra en la prórroga bajo amenazas de bloqueo. https://www.eldiario.es/sociedad/cumbre-clima-entra-prorroga-amenazas-bloqueo_1_13681073.html

elDiario.es (2026). La Cumbre del Clima se empantana rumbo a la segunda bola extra. https://www.eldiario.es/sociedad/cumbre-clima-empantana-rumbo-segunda-bola-extra_1_13683276.html

Noticias Obreras (2026). La Cumbre del Clima se atasca por la financiación y el abandono de los combustibles fósiles. https://noticiasobreras.es/2026/11/la-cumbre-del-clima-se-atasca-por-la-financiacion-y-el-abandono-de-los-combustibles-fosiles/

Noticias Obreras (2026). COP31: la transición justa y la financiación climática emergen como los grandes escollos de la cumbre de Antalya. https://noticiasobreras.es/2026/11/cop31-la-transicion-justa-y-la-financiacion-climatica-emergen-como-los-grandes-escollos-de-la-cumbre-de-antalya/

RTVE.es (2026). La nueva propuesta de acuerdo en la cumbre del clima elimina la mención a los combustibles fósiles. https://www.rtve.es/noticias/20261119/nueva-propuesta-acuerdo-cumbre-clima-elimina-mencion-combustibles-fosiles/17321529.shtml

RTVE.es (2026). La COP31 busca fuera de plazo llegar a un acuerdo climático en plena tensión por los hidrocarburos. https://www.rtve.es/noticias/20261121/cumbre-clima-cop31-acuerdo/17324678.shtml

RTVE.es (2026). Guterres alerta en la COP31 de que la crisis climática avanza más rápido que la respuesta mundial. https://www.rtve.es/noticias/20261111/guterres-alerta-cop31-crisis-climatica-avanza-rapido-respuesta-mundial/17309328.shtml

UN News (2026). COP31: Los combustibles fósiles quedan fuera del borrador del acuerdo. https://news.un.org/es/story/2026/11/1542194

UN News (2026). COP31:最新协议草案删去摆脱化石燃料相关表述. https://news.un.org/zh/story/2026/11/1143229

POLITICO (2026). EU climate chief hints bloc may drop clean power push at COP31. https://www.politico.eu/article/eu-climate-chief-wopke-hoekstra-hints-bloc-may-drop-clean-power-push-at-cop31/

Rebelion (2026). Los desacuerdos sobre la ‘regla 42’ y el consenso obligatorio lastran la Cumbre del Clima. https://rebelion.org/los-desacuerdos-sobre-la-regla-42-y-el-consenso-obligatorio-lastran-la-cumbre-del-clima-es-su-fuerza-y-su-debilidad/

Contidos relacionados

MC_Centros de Datos_Foto_WbX (c)
+ info
Untitled design(2)
+ info
MC_2026_10_18_Imaxe provocadores_WbX (c)
+ info