
As mulleres palestinas articularon historicamente a resistencia antiocupación mediante redes comunitarias, dende a revolta de 1936, pasando polas Intifadas ata hoxe. Na actualidade as mulleres palestinas conforman o 60% do alumnado universitario e lideran as ONGs de defensa de dereitos humanos no territorio. Este rol estrutural vese referendado na guerra actual, onde son a vangarda en unidades médicas subterráneas e en brigadas agrícolas para garantir soberanía alimentaria baixo o bloqueo, son líderes na dirección e organización de accións de resistencia, protestas e mobilizacións, así como tamén son quen encabeza os procesos de resistencia e denuncia legal.
Na Franxa de Gaza, colectivos como o Union of Palestinian Women’s Committees manteñen en pé clínicas clandestinas e redes de apoio psicolóxico, mentres documentan crimes de guerra. Non obstante a participación das mulleres en Gaza configúrase por participar en protestas ao bordo da fronteira con Israel, por formar parte da resistencia armada directamente ou a través de apoio loxístico, así como tamén por desenvolver accións de desobediencia civil extrema e por organizar folgas de fame e actos de autoafirmación dentro de prisións. En Cisxordania, organizacións como os Popular Resistance Committees lideran protestas directas fronte a colonos e postos militares, ao tempo que coordinan accións veciñais e bloqueos, sendo referentes locais da resistencia. Pero ademais a participación das mulleres en Cisxordania pasa tamén por organizar e participar en protestas contra as colonias e demolicións, por desenvolver diversas formas de resistencia económica e simbólica, así como tamén por realizar boicots e desenvolver un forte traballo de acción legal tanto estatal como internacional.
Por outra banda a represión israelí adopta a forma de feminicidio institucional ao que hai que engadir torturas, acoso, detencións arbitrarias… As mulleres palestinas lideran amplos ámbitos da resistencia pero como consecuencia enfróntanse a unha represión específica que mestura a ollada colonial coa patriarcal. Os arrestos arbitrarios, a violencia física e sexual durante as detencións, as ameazas de desaloxo ou a difamación mediática que busca deslexitimar o seu activismo son só algunhas das formas específicas de represión que sofren as mulleres palestinas. As autoridades israelís adoitan atacar a súa participación en protestas ou programas comunitarios, mentres que en certos contextos a presión social e patriarcal dentro das propias comunidades engade capas adicionais de dificultade. Esta represión non só intenta silencialas, senón desarticular redes de solidariedade e resistencia estruturadas e lideradas por mulleres, co obxectivo de debilitar a capacidade colectiva de denuncia e a acción cívica.
Figuras como Ahed Tamimi (símbolo da resistencia xuvenil tras sufrir encarceramento con 16 anos), Mariam Barghouti (xornalista que denuncia a ocupación israelí e as consecuencias sobre a vida cotiá dxs palestinxs) ou Fatima Bernawi (primeira muller que foi presa política (1967) cuxa vida combina acción militante, loita armada e inspiración para a resistencia feminina contemporánea) son só algúns dos nomes que sustentan e teñen sustentado os proceso de loita pola liberación de Palestina.
As mulleres palestinas son un eixo clave na configuración da resposta social contra a ocupación israelí, combinando liderado e acción en todos os ámbitos da vida cotiá e política. Hoxe sería impensable imaxinar a existencia da Palestina mesma sen o seu rol histórico que teñen desenvolvido elas na construción dunha sociedade construída a través da resistencia popular.