Fronte á resignación ante a crise habitacional, diversos países da UE aplican políticas públicas que proban que é posible garantir vivenda digna a prezos asumibles. Trátase de medidas en funcionamento, con resultados avaliables, que se converteron en referencia para orientar o mercado cara a fins sociais.
En Viena, o fondo municipal Wohfonds Wien impulsa desde 1995 un modelo de concursos baseado en economía, sustentabilidade social, arquitectura e ecoloxía. A avaliación prioriza a calidade integral fronte ao prezo, o que permitiu promover arredor de 46.000 vivendas subvencionadas para unhas 100.000 persoas, con estándares equiparables ou superiores aos do sector privado.
En Bruxelas, o proxecto CALICO combina cooperativismo, cesión comunitaria do solo (*community land trust*) e servizos de coidado con perspectiva de xénero. Entre 2018 e 2021 activáronse 34 vivendas para colectivos vulnerables. O modelo estendeuse a cidades como Fuenlabrada, Tesalónica ou Nápoles a través da rede Cities 4 Co-Housing, adaptando ferramentas xurídicas e financeiras a cada contexto.
En Portugal, o Plano Nacional para o Alojamento no Ensino Superior (PNAES) mobiliza 507 millóns de euros para ampliar a rede pública de residencias. Prevese acadar 18.000 prazas accesibles antes de xuño de 2026, con rendas desde 91 euros mensuais para alumnado bolseiro. Aínda con atrasos, evidencia unha planificación estrutural sostida no tempo.
Estas experiencias confirman que a intervención pública decidida pode corrixir fallas do mercado e ampliar dereitos, sempre que exista financiamento estable e avaliación rigorosa.