A recente agresión de Israel e Estados Unidos contra Irán preséntase como un novo acelerón na fuxida cara adiante que marca a actual política occidental. Manter o dominio do relato imperialista require unha secuencia incremental de eventos chocantes, confusos e abrumadores. E é indispensable que medren de maneira exponencial antes de que poidan ser analizados e, sobre todo, xulgados.
A esta sanguenta sinfonía engádese agora a percusión do bombardeo sobre Oriente Medio. Un ruído ensordecedor que apenas deixa xa escoitar as investigacións sobre o caso Epstein, os campos de concentración que está a construír “ICE”, a detención de Nicolás Maduro, o xenocidio en Gaza xunto coa ocupación crecente de Cisxordania, as ameazas sobre Groenlandia, o aumento forzado do gasto militar na OTAN e tantas outras liñas vermellas que se teñen traspasado. Non se pode permitir nin un momento de paz para falar das condicións materiais da poboación e moitísimo menos do cambio climático, cada vez máis presente na súa vida.
Pero este ritmo crecente non é sostible, e esta guerra pode supoñer o punto de inflexión. O sistema militar dos Estados Unidos foi deseñado para gañar a Guerra Fría, non para unha guerra aberta en terras afastadas; Vietnam, Iraq e Afganistán sérvennos como exemplo claro do resultado que podemos agardar. Se esta campaña militar comezou de maneira improvisada para os EUA, arrastrados por Israel, como parece ser, o seu desenvolvemento pode seguir unha dinámica igual de torticeira.
Irán, pola súa banda, leva dúas décadas preparándose para este escenario e a súa resposta militar, aparentemente improbable se os seus principais líderes foron asasinados ao comezo do conflito, está a causar en poucos días estragos a longo prazo. En primeiro lugar, despregou armas de baixo custo para facer mella nos caros e complexos sistemas tecnolóxicos dos exércitos agresores. Ademais, decidiu atacar o capitalismo occidental cortando a produción, o refinamento e a distribución do petróleo que alimenta oseu exército, a sabendas de que iso pode levar ás economías do Norte Global a unha situación insostible. Se os Estados do Golfo non poden manter o ciclo do petrodólar, a burbulla especulativa que é a economía estadounidense corre perigo.
A Unión Europea estase a ver arrastrada a unha segunda guerra e móstrase desorientada e incapaz de manter a súa soberanía. Mentres tanto, China vende armamento moderno e barato a Irán ao mesmo tempo que se presenta como valedora da diplomacia, do comercio e da estabilidade, mentres observa como Estados Unidos segue cometendo violacións do dereito internacional que algún día terá que pagar.
Ata agora, cando se cualificaban as decisións políticas, ouvíamos termos como maquiavélicas, orwellianas ou dantescas…, dando a entender que alguén se beneficia en maior ou menor medida. Pero agora, dado que ninguén pode beneficiarse deste conflito, xs analistas teñen que morder a lingua para non dicir o evidente: a palabra para definir a actual política occidental é estúpida.
Xa nos decataramos, sabiamos o que viña; xa había mobilizacións, chamadas ao boicot e á acción directa. Pero agora preséntasenos a posibilidade de cambiar o relato, de convencer para vencer, a quenes ata agora lle renderon pleitesía ou creron as súas mentiras, de que Trump é quen dicía ser: un fascista. Só exercitando con forza a democracia e os nosos dereitos poderemos parar esta guerra: desde sacudir as enquisas e eleccións ata a sabotaxe da maquinaria de propaganda, bloqueando calquera movemento da ultradereita de maneira firme e decidida.
Se esta situación non é un punto de inflexión, o noso deber é convertela nun. Non lles queda munición, é a nosa oportunidade.