Para comprender a complexidade do xenocidio en Gaza e as súas extensións ao Líbano, non abonda con analizar as dinámicas xeopolíticas inmediatas. Cómpre entender a orixe do sionismo e a evolución ideolóxica que sustentan as tres correntes principais do mesmo cuxa interacción axuda a explicar parte da escalada rexional.
O sionismo naceu a finais do século XIX como resposta ao auxe do antisemitismo e á violencia en Europa. Eventos como o caso Dreyfus convenceron a figuras como Herzl de que a integración era imposible, impulsando un nacionalismo xudeu influído polas correntes independentistas da época. Así, buscouse recuperar o vínculo histórico coa terra ancestral de Israel (Sión) para garantir a seguridade e autodeterminación do pobo.
O sionismo orixinal laico e político xorde a finais do século XIX con Theodor Herzl, quen propón un “fogar xudeu” como resposta ao antisemitismo europeo. Theodor Herzl foi o motor fundamental do Primeiro Congreso Sionista (1897), un fito que transformou o sionismo pasando de ser unha idea dispersa a un movemento político organizado internacionalmente. O sionismo proposto por Herzl trátase dun proxecto secular centrado na organización dun Estado moderno. Diversos apoios económicos europeos, incluíndo redes financeiras como a familia Rothschild, contribuíron ao seu desenvolvemento inicial. Co tempo, esta visión foi perdendo centralidade fronte a correntes posteriores máis extremistas.
O sionismo revisionista e a seguridade pola forza vincúlase a Ze’ev Jabotinsky, autor do concepto do “Muro de ferro”. Defende a consolidación territorial e unha estratexia militar firme. Na súa evolución contemporánea, algúns analistas relaciónano con sectores políticos israelís de liña dura próximos á contorna de Benjamin Netanyahu. Integra elementos nacionalistas e xenófobos, con referencias culturais e relixiosas que reforzan unha visión de seguridade permanente.
O sionismo evanxélico e a dimensión escatolóxica procede do fundamentalismo cristián estadounidense. Estas correntes interpretan o apoio a Israel desde unha lectura teolóxica que sitúa Xerusalén e a mesquita de Al-Aqsa como escenarios proféticos. A construción dun terceiro templo sería, segundo estas crenzas, un paso previo ao “Armagedón” e á segunda chegada do Mesías. A influencia desta ideoloxía na Casa Branca fíxose patente especialmente baixo o mandato de Donald Trump, cuxo equipo de seguridade mostrou afinidade con estas crenzas apocalípticas. Desta maneira, as incursións militares en Gaza e as tensións na fronteira co Líbano transcenden as disputas territoriais e adquiren unha dimensión escatolóxica, onde a guerra santa se considera unha profecía que debe cumprirse para precipitar o fin dos tempos.