A crise mundial da vivenda: resposta social fronte á especulación cun dereito

A falta de acceso a unha vivenda digna converteuse nunha emerxencia estrutural global. Organismos internacionais alertan de que 3.000 millóns de persoas vivirán en condicións de infravivenda en 2030, mentres que hoxe 1.100 millóns de persoas residen en asentamentos informais ou barrios marxinais, ao tempo que 318 millóns viven nunha situación sen fogar.

A financeirización da vivenda é o principal motor da crise inmobiliaria. Entre 2010 e 2024, os prezos da vivenda no Reino Unido e Europa aumentaron máis dun 50%, mentres que os alugueres creceron un 25%. Segundo a OCDE, case o 10% das familias urbanas destina máis do 40% da súa renda ao pago do alugueiro, o que as sitúa en situación de vulnerabilidade fronte a calquera imprevisto. En occidente viviuse unha fonda transformación, pois en gran parte de Europa e Norteamérica, máis do 60% do parque de vivendas en aluguer está controlado por inversores con múltiples propiedades ou empresas multiarrendadoras.

O movemento inquilino global organizouse para responder a esta emerxencia cunha axenda de folgas de alugueiro e manifestacións que abranguen dende marzo ata xuño de 2026. A Coalición Europea de Acción (EAC), que mantén unha axenda de protesta continua contra a turistificación, os desafiuzamentos e a especulación financeira, convocou os “Housing Action Days” do 23 ao 29 de marzo, nunha semana de acción global coordinada que abrangueu máis de 60 cidades baixo o lema “Vivendas, non lucro”. A Unión Internacional de Inquilinos (IUT) celebrou a súa XXIII Conferencia Mundial entre Copenhague e Malmö do 7 ao 9 de maio de 2026, coincidindo co seu centenario. O encontro abordou a vivenda como dereito humano, a asequibilidade e a loita contra a financeirización, nun intento de construír alternativas á lóxica especulativa dominante. Ao tempo, no Estado Español, a Confederación de Sindicatos de Inquilinas artellaron unha vaga de protestas que arrincou en Sevilla o 9 de maio e continuará en diferentes localidades de todo o estado ao longo de maio e xuño.

A situación actual require dun novo contrato social que reconfigure o tratamento da vivenda como un dereito e non como un ben especulativo co que facer negocio. Esta situación, sen unha regulación que faga retroceder a especulación inmobiliaria, provocará que as cidades se convertan en territorios exclusivos para turistas e fondos voitre. As folgas de pagamento do alugueiro e a ocupación de edificios baleiros emerxen como algunhas das tácticas de presión que van incrementando a súa forza e transversalidade segundo van dándose novas etapas nun conflito que esixe contratos indefinidos, unha rebaixa dos prezos de alugueiro superior ao 50%, a expropiación total a fondos de investimento como “Blackstone”, a instauración dun sistema impositivo extremo sobre xs multiarrendadorxs ou, nunha posición máis rotunda, co mero desenvolvemento da prohibición do lucro sobre a vivenda.


Fontes

Contidos relacionados

MC_Hondurasgate_Foto_WbX (c)
+ info
MC_Plan Europeo Vivenda_Foto_WbX (c)
+ info
MC_2026_05_14_Doutrina_Shock_WbX (c)
+ info