
Queda menos dun mes ata o 30 de xuño, data límite para a tramitación da regularización extraordinaria de persoas migrantes no Estado español que arrincou o 16 de abril. A medida, aprobada mediante o Real Decreto 316/2026 do 14 de abril, permite acceder a unha autorización de residencia e traballo ás persoas en situación administrativa irregular e ás solicitantes de protección internacional que se atopasen no país antes do 1 de xaneiro de 2026. Estímase que preto de 500.000 persoas resultarán beneficiadas, fornecendo a posibilidade de acceso a dereitos básicos que toda persoa debería de ter garantidos.
A norma é o desenlace dunha prolongadae esforzada mobilización social. O movemento Regularización YA, unha rede estatal autoconvocada de colectivos migrantes e organizacións antirracistas nada alá polo 2020, rexistrou en abril de 2024 unha Iniciativa Lexislativa Popular (ILP) apoiada con máis de 700.000 sinaturas e 900 entidades.
Esta ILP languidecía no Congreso ata que un acordo entre forzas políticas permitiu en xaneiro de 2026 canalizar o seu contido a través dun real decreto.
Isto pon de manifesto, con claridade, a importancia e utilidade de diferentes formas de presión sobre os organismos de poder dende a loita colectiva.
Malia teren eivas con respecto á ILP inicial e non atacar a desigualdade estrutural dende a súa raíz, estes novos procesos de regularización dan un paso importante de cara a permitir vivir sen medo e con dignidade a vida a centos de miles de persoas, reforzando ao conxunto da cidadanía.