Qué está pasando en Bolivia? As claves da rebelión popular

A máis dun mes desde o estourido social en Bolivia, o goberno de Rodrigo Paz segue sen responder ás demandas da poboación e aumenta a represión: a recentemente promulgada lei 1740 que regula o Estado de Excepción dá carta branca ás forzas armadas e policiais para matar e torturar con impunidade. A represión e a manipulación mediática non puideron impedir as protestas multitudinarias, bloqueos e cortes de estradas, nunha insurrección campesiña, obreira e indíxena que engloba actores moi diversos. Entre eles, a Central Obreira Boliviana (COB), o sindicato paceño Tupac Katari e Os Ponchos Vermellos, ademais dos sectores de médicos, o profesorado, o estudantado, a minaría, o transporte e as Federacións Departamentais das Xuntas Veciñais.

A orixe desta rebelión está na reestruturación de hexemonías e a crise política na que leva sumida o país desde o golpe de estado de 2019: a extrema dereita non aceptou os resultados das eleccións que volvían dar a presidencia a Evo Morales, e iniciou unha escalada de violencia contra o MAS (Movemento ao Socialismo) contando co apoio de forzas armadas e policiais que terminou na renuncia de Evo Morales e a súa inhabilitación para presentarse a eleccións en 2020 e 2025. Isto tamén provocou o crebe entre os distintos sectores do MAS e a ruptura entre Morais e Luis Arce, novo líder do MAS, chegando o partido moi debilitado ás eleccións de 2025, que gañou Rodrigo Paz.

Neste contexto, Rodrigo Paz entra no goberno co slogan “Capitalismo para todos” e xa en decembro de 2025, empeza a aplicar medidas extractivistas e racistas que van tan da man do capitalismo: o decreto 5503 implicaba o control de recursos naturais saltándose a constitución, e provocou unha suba enorme do prezo do combustible. Este goberno, ademais, non tarda en restablecer relacións cos EUA e co estado xenocida de Israel. Isto conleva o regreso da DEA (axencia de control de drogas dos EUA), a pesar das numerosas denuncias por corrupción, e dun aumento da vixilancia: teléfonos intervidos pola intelixencia israelí e uso de dróns nas manifestacións.

Pero todo estoupa coa nova lei anticonstitucional 1720, que contravén a tenza da terra para os pobos indíxenas. A amazonia boliviana mobilízase sen obter resposta do estado, e organízase unha marcha de 29 días cara á sede gobernamental. A resposta de Rodrigo Paz é o desprezo aos e ás manifestantes, acusándoos de estar pagados por Evo Morales e negándose a reunirse con eles e elas. No seu lugar, reúnese co sector da agroindustria e da minería, anunciando un novo paquete de leis que ameazan aínda máis os pobos indíxenas e os territorios, así como a educación e a sanidade. Tamén se pacta a explotación de litio por empresas estadounidenses e unha suba da tarifa da luz.

Tras días de intensas mobilizacións, folgas e bloqueos no país, o 13 de maio Paz derroga a lei 1720, mais a escaseza de alimentos, a corrupción e a represión brutal ás mobilizacións, con máis de 400 persoas detidas e máis de 300 persoas feridas, fan que o pobo exixa a renuncia do goberno de Rodrigo Paz. As demandas da poboación inclúen tamén a oposición ás medidas de austeridade do Fondo Monetario Internacional (FMI), a oposición á lei de terras, o fin do subsidio aos hidrocarburos e a oposición ao retorno da DEA.

A insurrección popular nace da rabia, da dignidade e da fame, sen medo. A articulación de diversos movementos sociais (feminismos, disidencias, movementos de traballadores…) entenden as loitas como interconectadas, coas mesmas raíces. Urxe unha descolonización efectiva e un autogoberno do pobo, pois as democracias neoliberais xa non serven. En Bolivia escóitase o clamor pola unificación de Abya Yala fronte ao imperialismo.


Fontes:

Contidos relacionados

imaxe
+ info
MC_Sionismo_Foto_WbX (c)
+ info
MC_George Floyd_Foto_WbX (c)
+ info