Acampada en Sol. A loita pola vivenda e a nosa responsabilidade histórica

Estamos a vivir un punto de inflexión na resposta social á crise da vivenda no Estado español. Despois de anos de mobilizacións de plataformas antidesafiuzamentos e sindicatos de inquilinxs, o poder popular aglutinou forza e enerxía suficientes para empurrar ao Goberno a dar unha resposta.

O desafiuzamento de Maricarmen, unha anciá de 87 anos con discapacidade, que levaba anos loitando por permanecer no piso onde vivira toda a súa vida, foi a pinga que colmou o vaso dunha serie de abusos sistemáticos contra a clase traballadora por parte de rendistas e especuladores. A noticia deu a volta ao mundo e espertou a rabia de millóns de persoas. A manifestación masiva do 26S, convocada polo Sindicato de Inquilinas de Madrid, rematou nunha acampada en Sol que leva xa un día enteiro resistindo e que segue medrando, reforzada pola confluencia de loitas derivada das mobilizacións pola educación pública de onte.

Este martes debátese no Congreso un decreto de vivenda que xa se coñece informalmente como Decreto Maricarmen. O sindicato de inquilinas de Madrid esixe que inclúa tres medidas clave para protexer o dereito á vivenda de maneira efectiva: 1. renovación automática dos contratos de alugueiro; 2. prohibición dos desafiuzamentos sen alternativa habitacional; 3. medidas contra as estafas.

Cada vez son máis as persoas acampadas en Sol e novas protestas convócanse por todo o Estado español. Asumimos a nosa responsabilidade de cambiar o mundo e sumámonos ás mobilizacións pola vivenda desde a horizontalidade e a solidariedade. Rexeitamos a indefensión aprendida, o mito de que non temos poder e de que non podemos cambiar nada, e bebemos das loitas históricas que lograron dereitos humanos como o dereito á vivenda e que agora nos están a quitar.

Saímos ás rúas e ás prazas, apoiando os movementos de base para xerar contrapoder fronte aos grandes fondos de investimento e a un Goberno sometido ao capital. A loita pola vivenda é a loita pola dignidade, a loita pola vida e a loita por un mundo máis xusto. O momento é agora. Ninguén o fará por nós.

Contidos relacionados

MC_2026_09_23_Texto_Stop Corporate Impunity_WbX (c)_V
+ info
Mundo-Economía-Comercio-Transporte-Principales-rutas-comerciales-marítimas-del-mundo
+ info
Westernsaharamap-974372956
+ info