Os medios de comunicación e o auxe da extrema dereita

Dicía Karl Popper, filósofo austro-británico de mediados do século pasado, que unha sociedade verdadeiramente tolerante debería ter o dereito de rexeitar as posturas intolerantes. Isto é o que se coñece como paradoxo da tolerancia: tolerar a intolerancia só leva a máis intolerancia.

Hoxe en día vemos como as posturas da extrema dereita (racistas, misóxinas, homófobas…) enchen os medios de comunicación xeralistas. As televisións gañan máis diñeiro con personaxes que din barbaridades e difunden mensaxes cheos de odio porque isto xera audiencia. As redes sociais xeralistas amplifican estas mensaxes, non só porque estean en mans de oligarcas conservadores, senón porque mesmo a esquerda lles dá visibilidade: estas mensaxes xeran polémica, debate, reaccións de rexeitamento, e todo isto xera interaccións, que é o que os algoritmos promocionan. O Proxecto UNA explícao no seu libro “A viralidade do mal”.

Todo isto repercute na normalización destas posturas de odio. O concepto da ventá de Overton representa as ideas aceptábeis pola sociedade como unha ventá estreita que pode moverse cara a un lado ou cara ao outro da seguinte maneira: unha idea determinada, por exemplo a prohibición do aborto, comeza sendo impensábel nunha sociedade democrática. Coa emerxencia da extrema dereita nos medios, esta postura intolerante ao principio xera indignación da esquerda e comeza a se debater, polo que xa pasa a ser radical. Conforme máis se debate nos medios e redes, normalízase esta postura e vai sendo cada vez máis aceptábel, ata que pode chegar a parecer sensata, chegar a ser popular e mesmo política, converténdose en lei.

Mais hai formas de combater a normalización da extrema dereita e do seu ideario. Un exemplo é o cordón sanitario, medida pola cal se decide non dar acollida a estas ideas. En Bélxica, sobre todo na rexión francófona, as e os xornalistas non invitan personaxes de extrema dereita ás entrevistas nin dan informacións relativas a estes partidos. Esta é unha forma de evitar a normalización de discursos contrarios aos valores democráticos.

Nas redes, recomendáse non interactuar con ideas reaccionarias, para non lles dar visibilidade nin entrar nos marcos que queren impoñer. Nas rúas, a organización popular e o movemento antifascista é clave para manter a raia a extrema dereita. O fascismo non se debate, combátese.

Contidos relacionados

MC_2026_06_25_Pruitt-Igoe Myth_WbX(c)
+ info
melilla
+ info
MC_2026_05_15_Problema_Vivenda_WbX (c)
+ info