A persecución da disidencia e do pensamento crítico está a intensificarse en Occidente a través de mecanismos lexislativos, incremento das forzas de seguridade e criminalización da protesta social. Tanto nos Estados Unidos como na Unión Europea, os gobernos están a desenvolver marcos normativos que restrinxen os dereitos político-civís e silencian as voces que cuestionan o statu quo, nun contexto de auxe da extrema dereita e de crecente malestar social.
Nos Estados Unidos, a administración Trump puxo en marcha unha ofensiva sen precedentes contra movementos de esquerdas e a favor dos dereitos humanos. Esta estratexia formalizouse a través da National Security Presidential Memorandum 7 (NSPM-7), emitida en setembro de 2025, que equipara a disidencia política co terrorismo. Un claro exemplo produciuse en Texas, onde oito activistas foron condenados en xuño de 2026 a penas de entre 50 e 100 anos de prisión por participar nunha protesta diante dun centro de detención migratoria. Este tipo de sentenzas buscan a criminalización das ideoloxías non favorables ao Goberno ao tempo que pretenden enviar unha mensaxe disuasoria.
A administración Trump está a orquestrar unha estratexia sen precedentes que sintetiza o macartismo da década de 1950 coas ferramentas da “guerra contra o terror” xurdida tras o 11 de setembro. A reunión ministerial convocada por Marco Rubio en xullo de 2026, coa asistencia de representantes de máis de sesenta países, non é un simple exercicio diplomático senón a posta en escena dunha nova doutrina que sitúa a disidencia de esquerdas ao mesmo nivel que Al Qaeda e o Estado Islámico. Esta arquitectura legal, que emprega ferramentas financeiras e de intelixencia concibidas para confrontar a Al Qaeda, está a dirixirse contra estadounidenses consideradxs de esquerdas, asumindo que organizacións e persoas estadounidenses e europeas supoñen un perigo para a sociedade estadounidense. De feito esta estratexia de contraterrorismo deu un paso máis en maio de 2026 pois Trump formalizou legalmente esta visión ao fusionar tres categorías de ameaza: “terroristas islamistas”, “narcoterroristas” e, por primeira vez, “extremistas violentos de esquerdas, incluídos anarquistas e antifascistas”.
Por outra banda, na Unión Europea, a Axencia de Dereitos Fundamentais sinalou no seu informe de xullo de 2026 preocupacións continuadas sobre campañas de difamación, procesamentos de activistas, recortes de financiamento e lexislacións restritivas para a liberdade de asociación. O Informe Rule of Law 2026 de Liberties documentou restricións xeneralizadas ao dereito de protesta pacífica, con casos como o do Estado Español, onde a lei de seguridade cidadá continúa a impor sancións a manifestantes e xornalistas, ou o de Italia, onde o Goberno de Meloni aprobou en abril de 2026 un decreto de seguridade que criminaliza as accións de protesta e reforza as garantías policiais mediante un procedemento de emerxencia.
Estas tendencias represivas, que combinan leis mordaza, aumento da vixilancia e represión policial, así como o endurecemento penal e a persecución política e ideolóxica, supoñen unha escalada na estratexia de desarticulación do disenso e a disidencia. Búscase dar un paso máis creando un marco no que, xa pasada a fase na que o vandalismo foi equiparado á violencia e ao terrorismo, dáse un paso máis que busca que a participación cidadá e a protesta sexan percibidas como ameazas á seguridade en lugar de como dereitos fundamentais.
Fontes:
-
National Law Review (2025). FARA Enforcement Gets a Major Shake-Up Under New Presidential Directive. https://natlawreview.com/node/336559/printable/pdf
-
The Guardian (2026). Alarm over ‘extreme’ sentences for anti-ICE protesters convicted of terrorism. https://www.theguardian.com/us-news/2026/jun/26/texas-protesters-anti-ice-convictions
-
U.S. Department of State (2026). Results from the Ministerial on the Resurgence of Political Terrorism. https://www.state.gov/briefings-foreign-press-centers/ministerial-on-resurgence-of-political-terrorism-results
-
European Union Agency for Fundamental Rights (2026). FRA contributes to Commission’s 2026 Rule of Law Report. https://fra.europa.eu/fr/news/2026/fra-contributes-commissions-2026-rule-law-report
-
Civil Liberties Union for Europe (2026). Civic Space and Protest Rights under Threat in 2025. https://www.liberties.eu/en/stories/civic-space-and-protest-rol2026/45622
-
光明网 (2026). 《安全法令》引发意大利新一轮政治博弈. https://news.gmw.cn/2026-04/29/content_38737401.htm
-
The Guardian (2026). Texas anti-ICE protesters convicted of terrorism charges sentenced to at least 50 years in prison. https://www.theguardian.com/us-news/2026/jun/23/prairieland-ice-protesters-texas-sentenced
-
The Times of India (2026). US secretary Rubio invites India, 60 nations to summit on ‘far-left terrorism’. https://timesofindia.indiatimes.com/world/us/us-secretary-rubio-invites-india-60-nations-to-summit-on-far-left-terrorism/amp_articleshow/132303650.cms
-
Criminal Legal News (2025). Office of the Attorney General Memorandum for All Federal Prosecutors, Implementing National Security Presidential Memorandum-7. https://www.criminallegalnews.org/news/publications/office-of-the-attorney-general-washington-dc-memorandum-for-all-federal-prosecutors-implementing-national-security-2025-1/