En setembro de 2025, cinco activistas de orixe irlandesa, británica, hispano-arxentina e alemá accederon ás instalacións da empresa armamentística israelí Elbit Systems en Ulm. Causaron danos por valor dun millón de euros en equipamentos informáticos, pintaron consignas e filmaron a acción para difundila nas redes sociais, e permaneceron no lugar ata a chegada da policía. A súa acción, reivindicada como un acto de desobediencia civil para interromper a subministración de armas a Israel, deu orixe ao proceso xudicial coñecido como o dos ‘5 de Ulm’.
O xuízo comezou o 27 de abril de 2026 no complexo penitenciario de alta seguridade de Stammheim, en Stuttgart. A fiscalía alemá acusa xs cinco de danos materiais agravados, violación de morada e, de maneira central, de pertenza a unha organización criminal. Esta cualificación, que impediu a concesión de fianza, mantenxs en prisión preventiva dende hai meses.
A acusación de pertenza a organización criminal contra xs ‘5 de Ulm’ esnaquízase perante a evidencia máis elemental: o vídeo presentado pola propia fiscalía no xuízo está moi lonxe de amosar unha perigosa célula organizada. A suposta “organización criminal” semella ser calquera cousa menos unha banda organizada, convertendo así a xustiza alemá nun instrumento de represión política.
O proceso, que se celebra no histórico complexo de alta seguridade de Stammheim, acumula irregularidades que desacreditan calquera pretensión de desenvolvemento dun xuízo xusto. Xs avogadxs da defensa presentaron sen éxito múltiples recursos para que xs seus/súas clientes puidesen sentar xunto a elxs, para que o público puidese tomar notas con bolígrafos ou para que xs acusadxs fosen liberadxs baixo fianza; todos foron denegados pola xuíza Kathrin Lauchstädt alegando motivos que ata o fiscal recoñeceu como “razóns, pero non reais”. A situación acadou o seu punto máis crítico cando a xuíza expulsou a todo o público da vista.
No centro da estratexia da acusación está a aplicación do artigo 129 do código penal alemán, que equipara a protesta política coa delincuencia organizada e mantén xs cinco activistas en prisión preventiva en condicións de illamento extremo dende hai máis dun ano. Todo isto amosa que o que está a acontecer é un xuízo político, cando o que debería ocorrer é, en todo caso, que o goberno alemán fose quen ocupase o banquiño por cómplice activo no xenocidio palestino e como matón que esgaza os dereitos e liberdades da cidadanía.
Nun contexto de criminalización e persecución da disidencia en occidente como o actual, o xuízo dxs ‘5 de Ulm’ está a se converter nun “xuízo-espectáculo” que trascende as fronteiras do estado alemán e que xa chegou ao Parlamento Europeo. Mentres a fiscalía insiste en cualificar de criminal unha acción de desobediencia civil, a defensa invoca o dereito de emerxencia para xustificar a interrupción da subministración de armas a un país acusado de xenocidio. O desenlace, previsto para xaneiro de 2027, determinará se Europa reforza a súa escolla polo camiño da criminalización da disidencia ou se decide defender o exercicio dos dereitos político-civís.
Fontes
-
El Salto Diario (2026). Delincuentes desorganizados: días 6 y 7 del juicio contra los Ulm5. https://www.elsaltodiario.com/alkimia/delincuentes-desorganizados-dias-6-7-del-juicio-ulm5
-
RTE.ie (2026). Politicians attend ‘show trial’ of Irish activist in Germany. https://www.rte.ie/news/world/2026/0722/1584602-ulm5-trial-stuttgart/
-
The Journal (2026). ‘Show trial’: Irish politicians criticise Daniel Tatlow-Devally court hearing in Germany. https://www.thejournal.ie/daniel-tatlow-devally-irish-politicians-court-trial-7110145-Jul2026/
-
The Journal (2026). Irish TDs to visit Dubliner in German prison charged with damaging Israeli-owned arms factory. https://www.thejournal.ie/daniel-tatlow-devally-ulm-5-trial-irish-politicians-7108780-Jul2026/
-
Anadolu Ajansı (2026). German trial of Pro-Palestinian activists opens but disrupted by courtroom security arrangements. https://f.aa.com.tr/en/world/german-trial-of-pro-palestinian-activists-opens-but-disrupted-by-courtroom-security-arrangements/3919765