Cando a razón se fai resistencia: pensamento fronte ao fascismo

Diferentes referentes da intelectualidade desenvolveron o seu pensamento e obra arredor de como combater ao fascismo. Deste xeito, o antifascismo non é só unha loita de rúa, senón tamén unha construción filosófica e cultural que contou coa contribución dalgunhas das mentes máis lúcidas do século XX.

Destaca, entre outras, o desenvolvemento de Gramsci da teoría da hexemonía, na que explica como a clase dominante mantén o poder non só mediante a violencia, senón con consenso cultural, infiltrado en institucións como a igrexa, a escola, ou os medios de comunicación. Os seus plantexamentos como a revolución pasiva ou a guerra de posicións seguen, a día de hoxe, en plena vixencia.

Máis tarde Adorno e Horkheimer, a escola de Frankfurt, conciben Auschwitz como un produto da racionalidade occidental, unha “autodestrución da razón”. Nesta liña, Habermas se posicionaría con claridade, e postularía que o mellor antídoto contra o totalitarismo é a “razón comunicativa”.

Destacan tamén Hannah Arendt, quen analizou as orixes do totalitarismo e a condición de paria; Simone Weil, que combateu na guerra civil coa columna Durruti e denunciou a opresión en todas as súas formas; e Simone de Beauvoir, que axudou a comprender que a liberdade individual é inseparábel da liberdade colectiva. Son algunhas das filósofas que encarnaron a resistencia ao totalitarismo desde perspectivas moi distintas e de cuxo pensamento aínda hoxe bebemos para a loita.

Contidos relacionados