
Un boicot é unha acción colectiva e organizada que consiste no rexeitamento voluntario a establecer relacións comerciais, sociais ou políticas cunha persoa, empresa ou institución, como forma de protesta. O obxectivo é exercer presión para conseguir un cambio. Encádrase dentro dos métodos de acción directa non violenta, baseado na retirada da cooperación habitual.
A orixe do termo remóntase á Irlanda do ano 1880, cando Charles Cunningham Boycott, un administrador dun terratenente inglés, foi sometido ao ostracismo social e económico pola Irish Land League ao negarse a rebaixar as rendas aos granxeiros.
A comunidade illouno por completo: ninguén traballaba para el, comerciaba con el nin lle servía, uníndose incluso persoas traballadoras de terras veciñas. O apelido “Boycott” converteuse así nun nome común para designar este tipo de presión organizada.
Existen varios tipos de boicot segundo a súa finalidade. O boicot de consumo anima a non mercar determinados produtos, como ocorreu coas uvas non sindicalizadas de California liderado por César Chávez e Dolores Huerta (1965-1970) ou coa campaña contra Nestlé (1977-1984) pola comercialización agresiva de leite en po en países empobrecidos.
O boicot institucional ou desinvestimento foi decisivo contra o réxime do “apartheid” en Suráfrica, onde estudantes e universidades retiraron os seus capitais. O boicot social ou deportivo illou tamén internacionalmente a Suráfrica, excluíndoa das competicións deportivas durante máis de dúas décadas.
A eficacia do boicot demostrouse historicamente como ferramenta de transformación. O boicot aos autobuses de Montgomery (1955-1956), iniciado pola detención de Rosa Parks, durou 381 días e acadou que o Tribunal Supremo dos Estados Unidos de América declarase inconstitucional a segregación no transporte público. A presión económica (os pasaxeiros negros supoñían preto do 75 % dos usuarios) foi decisiva.
A día de hoxe, un exemplo paradigmático é o movemento BDS (boicot, desinvestimento e sancións), como campaña internacional de presión ao Estado ilexítimo de Israel para que cumpra co dereito internacional, seguindo o citado exemplo do movemento anti-apartheid en Suráfrica. Ademais do desinvestimento (pide a fondos de investimento, universidades ou institucións que retiren os seus capitais de compañías cómplices coa violación do dereito internacional) e as sancións (reclaman aos gobernos que suspendan acordos militares e de colaboración con Israel) o boicot insta a non mercar produtos de orixe israelí e a romper vínculos con empresas que se benefician da ocupación nos territorios palestinos. Pese a estar reprimido e perseguido, este movemento acugula vitorias significativas: algunhas multinacionais como Veolia, Orange e CRH retiráronse do mercado israelí por mor das campañas de presión
En todos estes casos, o factor común é a organización cidadá pacífica e a capacidade de incidir nos ingresos da parte contraria para forzar cambios.
Para comprender o boicot é preciso distinguilo doutras formas de presión. Non é unha sanción imposta por un goberno, nin un desinvestimento empresarial ou institucional, senón unha iniciativa da sociedade civil. A súa fortaleza reside na participación voluntaria e masiva. Cando milleiros de persoas deciden non mercar un produto ou non colaborar cunha entidade, envían unha mensaxe clara: as prácticas inxustas teñen consecuencias reais.