O verdadeiro problema da vivenda: desafiuzamentos, especulación e abuso inmobiliario

A crise de acceso á vivenda é hoxe un dos principais factores de desigualdade. Nas principais cidades do Estado español, o prezo do alugueiro supera o 60 % do salario medio dunha persoa. A esta situación extrema súmanse, ademais, os abusos que sofren as persoas inquilinas, segundo denuncian as organizacións de defensa da vivenda. Estas denuncias levaron a que, en 2025, o Ministerio de Consumo impuxese sancións contra grandes inmobiliarias por prácticas como cobrar gastos de xestión ás persoas inquilinas, esixir seguros non solicitados ou incluír cláusulas abusivas nos contratos.

Ao mesmo tempo, a falta de regulación e a procura de rendibilidade a toda costa provocaron nos últimos anos un aumento das prácticas de acoso inmobiliario para forzar as persoas inquilinas a abandonar as súas vivendas sen necesidade de pasar por un xuízo, co obxectivo de transformar os inmobles en aloxamentos turísticos. Alugar unha vivenda a turistas pode chegar a triplicar os beneficios dun alugueiro habitual.

Entre os métodos denunciados atópanse o bloqueo de fechaduras con pegamento, os cortes de auga ou electricidade, a negativa a realizar reparacións urxentes e as intimidacións mediante empresas de “desokupación”. O acoso inmobiliario funciona, en parte, polo descoñecemento dos dereitos das persoas inquilinas, o que facilita estes abusos e converte o abandono forzado nun desafiuzamento invisible que non aparece nas estatísticas oficiais.

A pesar da gravidade da situación, os tímidos intentos por facilitar o acceso á vivenda non están a producir os efectos necesarios, xa que o alugueiro estable segue a diminuír mentres aumenta o alugueiro por tempadas.

Neste escenario, o discurso mediático dominante presenta unha visión distorsionada da realidade. Os grandes medios de comunicación do Estado español, en moitos casos vinculados a intereses inmobiliarios e financeiros, priorizan o relato da ocupación fronte á crise de accesibilidade á vivenda.

A lei distingue claramente os delitos de allanamento de morada (a entrada nunha vivenda na que alguén reside habitualmente) e de usurpación (instalarse nun inmoble baleiro). Porén, os medios agrupan baixo o termo coloquial de “ocupación” ambos os fenómenos. Esta confusión interesada constrúe unha alarma social desproporcionada sobre un fenómeno marxinal que desvía a atención da escalada de prezos, da especulación e da exclusión residencial.

As cifras xudiciais reforzan esta visión. En 2024, segundo o Consello Xeral do Poder Xudicial, leváronse a cabo 27.564 lanzamentos ou desaloxos, a maioría deles por non poder pagar o alugueiro. Nese mesmo ano, os casos de allanamento de morada foron 511. O maxistrado Joaquim Bosch indicou que non existen datos que xustifiquen o medo da cidadanía á ocupación da súa vivenda habitual. Ademais, a ocupación de vivendas baleiras afecta sobre todo propiedades de grandes tenedores, como bancos e fondos de investimento.

Fontes:

Contidos relacionados