Hoxe, 4 de maio, conmemórase o Día Internacional do Combatente de Incendios Forestais, unha data que en 2026 adquire unha especial relevancia tras o ano máis devastador rexistrado na Unión Europea desde que existen medicións por satélite. Segundo os datos do Sistema Europeo de Información sobre Incendios Forestais (EFFIS) do programa Copernicus, en 2025 arderon na UE máis de 1.079.000 hectáreas, unha superficie equivalente á illa de Chipre e case o dobre da media do período 2006-2024. A Península Ibérica concentrou dous terzos de toda a área queimada, con 452.000 hectáreas no Estado Español e 270.000 en Portugal. Con todo, estas cifras empalidecen cando se amplía o foco ao Sur Global. África concentrou máis da metade da superficie total queimada no planeta, con arredor de 246 millóns de hectáreas afectadas, unha área equivalente a case o 60 % da UE. Isto evidencia unha realidade global desigual e pouco visibilizada.
A acción humana continúa a ser o principal detonante na maioría das rexións. En Galicia, onde arderon 118.966 hectáreas en 1.492 focos, estímase que máis do 70 % dos incendios foron intencionados. No obstante, o informe “State of Wildfires 2024–2025” sinala que a seca prolongada foi o factor dominante nos episodios extremos rexistrados en América do Sur e a Conca do Congo. A combinación de queimas agrícolas, abandono rural, acumulación de biomasa e un clima máis extremo conforma un escenario de alto risco.
As evidencias científicas son claras. O cambio climático aumentou drasticamente a probabilidade de condicións extremas para incendios, entre 30 e 70 veces no nordeste da Amazonía e entre 3 e 8 veces na conca do Congo. Isto implica tempadas de lume máis longas e intensas, incluso en zonas historicamente menos afectadas.
As consecuencias van máis alá da superficie queimada e revelan unha profunda inxustiza climática. Mentres incendios en Los Ángeles (con 23.000 hectáreas queimadas) xeraron perdas aseguradas de 40.000 millóns de dólares, os lumes en África apenas tiveron visibilidade internacional nin compensacións económicas proporcionais. Os custos invisibles (degradación ambiental, perda de medios de vida ou impactos na saúde) adoitan quedar fóra das estatísticas oficiais.
Ademais, en 2024-2025 os incendios causaron vítimas mortais en diferentes rexións (100 en Nepal, 34 en Suráfrica e 30 en Los Ángeles), o que confirma que a ameaza é global, pero a resposta segue a ser desigual.
A falta de políticas públicas centradas na prevención agrava un escenario que os expertos cualifican de “nova era de incendios de grandes dimensións”. Fronte ao modelo tradicional baseado case exclusivamente na extinción, a comunidade científica reclama un xiro cara á xestión activa do territorio: creación de mosaicos agroforestais que rompan a continuidade da paisaxe, recuperación de terras agrícolas abandonadas e planificación da interface urbano-forestal para protexer as poboacións.
As proxeccións indican que, sen medidas, os incendios extremos poderían aumentar ata un 57 % na Amazonía e un 50 % na conca do Congo a finais de século. Porén, con políticas climáticas ambiciosas, este incremento podería limitarse a menos do 15 %. A conclusión é clara: a prevención e a redución de emisións son claves para frear a expansión dos incendios nun planeta cada vez máis quente.
Fontes:
-
ONU News. ONU alerta para custos invisíveis dos incêndios florestais em 2025. https://news.un.org/pt/story/2026/01/1852111
-
Earth System Science Data (ESSD). State of Wildfires 2024–2025. https://essd.copernicus.org/articles/17/5377/2025/
-
EFEverde. Incendios forestales en la UE: 2025 fue el año más devastador desde que existen registros. https://efeverde.com/incendios-forestales-en-ue-2025/
-
AGIF. AGIF New Year`s message: wishes for 2026. https://www.agif.pt/en/agif-new-years-message-2026
-
Infobae. La Xunta cifra en 118.966 hectáreas la superficie quemada en Galicia en todo 2025. https://www.infobae.com/america/agencias/2025/11/04/la-xunta-cifra-en-118966-hectareas-la-superficie-quemada-en-galicia-en-todo-2025/
-
Clarity Movement Co. How is the 2025 wildfire season shaping up so far? https://www.clarity.io/blog/how-is-the-2025-wildfire-season-shaping-up-so-far#toc-north-america