A cara oculta da IA: o destrozo social e ambiental dos centros de datos

O auxe da intelixencia artificial está a impulsar unha expansión sen precedentes dos centros de datos en todo o mundo. Esta infraestrutura dixital, que se concibe como “a nube”, é en realidade unha rede de instalacións físicas que consomen enormes recursos e cuxa pegada ecolóxica é maior do que se estimaba.

Os centros de datos supoñen unha grave afección para a poboación, tanto para a que vive na contorna directa como para aquela máis afastada. O funcionamento continuo dos ventiladores e xeradores xera zunidos constantes e infrasóns que non se oen pero se senten, o que causa graves problemas de sono e estrés. Ademais, a localización destas instalacións adoita provocar problemas de calidade do aire polas emisións, especialmente cando funcionan con xeradores de gas de apoio. Por outra banda, un dos argumentos cos que gobernos e corporacións defenden estas infraestruturas é a creación de postos de traballo na zona, pero a realidade é que son temporais durante a fase de construción e os posteriores son técnicos e cubertos con persoas alleas á localidade. Por último, os sistemas de refrixeración consomen millóns de litros de auga, mentres que o gasto eléctrico é masivo. Un só centro pode consumir tanta enerxía como 50.000 fogares, o que pode repercutir na factura da luz e saturar a rede. Por exemplo, o centro de datos de Microsoft en Middenmeer representa máis do 1% do consumo eléctrico total dos Países Baixos.

No referente ao impacto ambiental, nun escenario de emerxencia climática como o actual, onde este verán se volven bater novos récords de temperaturas en todo o planeta e onde desde hai unhas semanas parece confirmarse o colapso da AMOC (Circulación Meridional de Xiro do Atlántico), o hiperdesenvolvemento dos centros de datos non fai máis que acelerar a situación actual de xeito vertixinoso. Un estudo recente da compañía Allianz Trade revela que estes complexos emitiron 286 millóns de toneladas de dióxido de carbono en 2025, unha cifra un 57% superior ás estimacións da Axencia Internacional da Enerxía. A intelixencia artificial xa representa entre o 15% e o 20% do consumo eléctrico destes centros, unha proporción que podería acadar o 40% en 2030. Sen medidas para descarbonizar as redes, as emisións poderían duplicarse, provocando danos climáticos anuais estimados en 154.000 millóns de dólares, fronte aos 68.000 millóns actuais. Segundo datos da ONU, o consumo eléctrico dos centros de datos acadará os 448 terawatts-hora (TWh) en 2025, o que os situaría como o 11º país máis consumidor do mundo, por detrás de Francia.

Pero o impacto non se limita á pegada de carbono. O consumo de auga, especialmente para sistemas de refrixeración, é igualmente crítico. Estímase que os centros de datos poderían requirir entre 9.000 billóns de litros de auga ata 2030, un volume comparable ao consumo de 1.300 millóns de persoas no continente africano. Ademais, esta presión sobre os recursos hídricos concéntrase cada vez máis en rexións con estrés hídrico, como Corea do Sur, India, México ou partes de China.

Fronte a esta situación, baseada nun modelo de expansión descontrolada que devora comunidades e medio ambiente, a poboación está a comezar a mobilizarse e a responder cada vez con máis forza, presionando as autoridades para acadar moratorias ou abrir procesos xudiciais que permitan conservar o seu territorio, os seus recursos e a súa vida.


Fontes

Contidos relacionados

MC_Novo Macartismo_Foto_WbX (c)
+ info
ins
+ info
_La+dictadura+es+terrorismo__+50+aniversario+de+los+cinco+últimos+fusilados+del+franquismo-2063503009
+ info