Cando se fala do colonialismo español, a primeira imaxe que adoita vir á mente é o continente latinoamericano. Pero en África tamén houbo colonias españolas das que pouco ou nada se fala: o Sáhara Occidental e Guinea Ecuatorial. Este artigo tratará da segunda.
No século XVIII, Portugal cede a España as illas de Fernando Poo (actual Bioko) e Annobón xunto con dereitos sobre a costa continental entre os ríos Níxer e Ogué. O obxectivo de España era escravista: conseguir máis seres humanos para apresalos, escravizalos e envialos a América.
Pero os británicos tiñan intereses semellantes e ocuparon gran parte do territorio. Por isto, moitos autores consideran a colonización española de Guinea Ecuatorial como efectiva no ano 1900, cando o Tratado de París fixa os límites da colonia.
Unhas décadas máis tarde, para sorpresa de ninguén, Franco aplicou en Guinea o autoritarismo nacionalcatólico. O poder era exercido por gobernadores militares que aplicaban violencia sistemática contra a poboación, que se vía sometida a traballos forzados en plantacións de cacao, café e madeira. Ademais, a segregación racial e os encarceramentos ou desaparicións de calquera tipo de resistencia estaban á orde do día. Un exemplo foi a desaparición por forzas franquistas do líder independentista fang Acacio Mañé en 1959. Aínda hoxe non se sabe que lle ocorreu.
O 12 de outubro de 1968, produciuse unha fracasada independencia de Guinea Ecuatorial de España. A data foi elixida por Franco polo seu simbolismo, e o novo presidente foi unha copia do ditador: Francisco Macías Nguema era un líder nacionalista que provocou a morte ou o exilio dun terzo da poboación despois de chegar ao poder. Ademais, os colonos alentaron o separatismo da etnia bubi para manter a illa de Fernando Poo, provocando conflitos étnicos que persisten hoxe en día.
Tras once anos de ditadura, Nguema sufriu un golpe de estado e foi substituído polo seu sobriño, Teodoro Obiang, que o que fixo foi consolidar aínda máis o sistema autoritario. Hoxe, o país segue atrapado nun modelo extractivo no que máis do 90% do PIB depende do petróleo.
Pero esta historia é descoñecida entre a poboación do Estado Español. Entre as razóns, atópase a declaración por Carrero Blanco da información relativa a Guinea como “materia reservada” entre 1969 e 1977, un secretismo estendido ao sistema educativo. Ademais, durante a transición española fíxose un pacto de silencio que sepultou a memoria de Guinea. Xa é hora de lembrala e esixirlle responsabilidades históricas ao Estado Español.