Como vimos falando e a ninguén se lle escapa, o avance da extrema dereita en Europa deixou de ser unha excepción para se converter na norma que reconfigura o poder político no continente. En Alemaña, Alternativa para Alemaña (AfD) lidera as enquisas federais cun 29%. Nos “länder” do leste, a súa vantaxe é esmagadora: Saxonia-Anhalt rolda o 42% e Mecklemburgo-Antepomerania o 35%. A pantasma dun goberno ultra nun Estado federado, algo inédito desde a posguerra, é xa unha posibilidade real.
Alemaña non é un caso illado. No Reino Unido, o Reform UK de Farage arrasou nas locais de maio: 1.369 concelleiros e 13 concellos, mentres o laborismo colapsaba con 1.277 perdas. En Francia, o RN de Le Pen domina as enquisas para 2027 cun 36%, e no Estado español, Vox irrompeu en Andalucía con 15 escanos nas autonómicas de maio e sobresae a recente creación de Noviembre Nacional que, aínda que residual, evidencia o momento político presente. Italia, con Meloni no poder desde 2022, é o laboratorio dunha ultradereita que xa non pide permiso, senón que impón políticas abertamente fascistas.
O vello “cordón sanitario” que marxinaba a estas forzas esvaeu. Agora xogan un papel central no Parlamento Europeo e no Consello da UE, e o European Policy Centre confirma a súa tendencia “intacta”. Cos recentes acontecementos na fronteira nas cidades autónomas do Estado, asistimos a un recrudecemento do discurso racista, e a aprobación de centros de repatriación fóra das fronteiras comunitarias, unha medida impulsada por Italia que evidencia como as teses ultras se converteron en política oficial de Bruxelas, semella a proba desta tendencia.
Mentres, a loita continúa nas rúas. En Erfurt, 31.000 persoas protestaron contra a AfD; en Francia, o asasinato do activista Deranque alimentou marchas neonazis; e en Milán, Salvini mobilizou miles contra a inmigración. Europa non vive unha simple onda reaccionaria: enfronta unha toma de poder institucional e social que esixe unha resposta á altura.