Radiografía dos pogromos: desde Torre Pacheco a Belfast

As imaxes do mes pasado de violencia racista en Irlanda do Norte son estremecedoras. Grupos de extrema dereita formados por homes brancos enmascarados protagonizaron disturbios graves, queimando casas de familias racializadas que tiveron que fuxir coas súas fillas e fillos. Estas cacerías racistas teñen un nome: pogromo, termo que vén do ruso погром, pogrom: «devastación», e que foi acuñado no século XIX para designar actos de violencia contra os xudeus do Imperio Ruso.

Os pogromos prodúcense cando un grupo de veciños brancos e “payos” se organizan para ir matar e roubar a un grupo de persoas racializadas, ou migrantes, ou musulmás, ou xitanas, polo simple feito de selo. A escusa adoita ser un crime cometido por unha persoa dese grupo étnico ou relixioso, que pode ser unha mentira ou non, e que provoca un castigo colectivo por un acto individual, conlevando unha deshumanización do colectivo.

Estes linchamentos remóntanse polo menos á época das Cruzadas, con persecución a xudeus en 1180 e 1190 en Inglaterra e en 1391 no Estado Español. Máis recentemente, hai pogromos documentados ao pobo xitano desde os anos 70 no Estado Español, e aínda que son incitados pola extrema dereita, repítense baixo gobernos de calquera signo: son consecuencia do racismo estrutural e institucional.

No Reino Unido, produciuse un repunte de pogromos tralo “Brexit”. Os máis destacados foron no verán de 2024, cando se produciron grandes disturbios con ataques racistas, roubos e queima de establecementos e coches por toda Inglaterra tras o asasinato de tres menores en “Southport” que se atribuíu falsamente a un solicitante de asilo musulmán.

No Estado Español, destacan os pogromos xitanos desde os 90 ata hoxe en varios pobos de Xaén, Granada, Sevilla e Almería relacionados co agronegocio, e tamén máis recentemente ataques a centros de menores en Madrid e Canarias. O verán de 2025 a violencia racista encheu as rúas de Torre Pacheco, en Murcia: veciños armados, malleiras, proclamas racistas na rúa, cazas de migrantes e ataques a nenos e nenas e a centros de menores.

Estas cacerías de migrantes adoitan ser incitadas nas redes sociais por políticos ou axitadores de extrema dereita como Vito Quiles no Estado Español ou Tommy Robinson no Reino Unido, e mesmo por tecnooligarcas como Elon Musk, que ademais favorece os discursos de odio racistas na súa rede social “X”.

As autoridades, cando actúan, fáreno normalmente a posteriori, deixando completa impunidade ao odio e ao racismo nas redes sociais. No Reino Unido, dúas persoas que lanzaron obxectos incendiarios contra a policía durante recentes disturbios racistas en Southampton foron condenadas a entre 2 e 3 anos de cárcere, declarando o xuíz que era “un crime de odio, nacido do odio á policía e, nalgúns casos, de ideas racistas”.

Esta sentenza contrasta coa recente condena a activistas de “Palestine Action UK”, con penas de prisión de entre 4 a 8 anos por danos materiais a unha fábrica de “Elbit Systems”, empresa que colabora co xenocidio de Israel. Noutro exercicio de ximnasia mental, o xuíz declarou que o caso estaba conectado co terrorismo porque “as activistas e os activistas trataron de influenciar o goberno israelí restrinxindo o seu acceso a armamento”.

No Estado Español, as sentenzas relacionadas con discursos de odio nas redes sociais adoitan ser por contido político de esquerdas, non por contido de extrema dereita. Contrasta a impunidade do fascismo coa persecución do antifascismo: un exemplo é a acusación recente da policía a cinco antifascistas granadinos por desordes e atentado á autoridade por participar nunha protesta contra un mitin do partido de ultradereita Vox o pasado 16 de abril, onde se viu como Abascal e o seu equipo de seguridade saltaron o cordón policial e usaron a violencia contra as manifestantes e os manifestantes.

A resposta fronte aos pogromos e á extrema dereita debe ser contundente: en Belfast organizouse unha gran manifestación antirracista días despois dos disturbios. A organización en brigadas antifascistas que confronten os nazis e protexan as comunidades máis vulnerábeis adoita ser efectiva. A loita anticapitalista debe recoñecer a loita antirracista e entender a relación entre a explotación, o colonialismo, o racismo e o capitalismo.

Fontes:

Contidos relacionados

MC_2026_07_06_Guinea Ecuatorial_WbX (c)_V
+ info
cover
+ info
MC_2026_07_01_Ext Derecha Medios_Foto_WbX (c)_V
+ info