Cando as autoridades da Alemaña ocupante decretaron, en outubro de 1939, a supresión de toda educación secundaria e superior para a poboación polaca, xurdiu un movemento de resistencia pedagóxica. O chamado Tajne Nauczanie (Ensino Secreto) foi un sistema educativo ilegal que, nos cinco anos da ocupación, logrou formar preto de 1,5 millóns de nenos en primaria e máis de 100.000 mozos no bacharelato, ademais de centos de graduados universitarios. Esta rede clandestina funcionou en domicilios particulares e en grupos reducidos, burlando a vixilancia da Gestapo e convertendo cada clase nun acto de desobediencia civil e desafío contra o réxime.
A Tajna Organizacja Nauczycielska (TON), Organización Secreta de Profesores, naceu a finais de 1939 cando o goberno ocupante ordenara a liquidación das organizacións autónomas do profesorado. As súas estruturas pasaron entón á clandestinidade, convertendo a TON nunha rede educativa de resistencia. Polonia xa tiña unha longa tradición de ensino clandestino anterior á guerra: durante as particións, os ocupantes rusos, prusianos e austríacos suprimiran a lingua e a cultura polacas. Xa na segunda metade do século XIX xurdira o Uniwersytet Latający (Universidade Voadora) en Varsovia, unha institución ilegal que ofrecía cursos superiores en domicilios particulares.
A metodoloxía do TON foi unha resposta creativa á represión. Sen libros de texto, xs profesorxs recorrían á memorización e ao debate, recitando poesía e fórmulas matemáticas; as clases de historia e xeografía polacas impartíanse de memoria. O microensino, con grupos de dúas a cinco persoas, permitía unha atención personalizada. Esta metodoloxía non só asegurou a continuidade do coñecemento, senón que inculcou nos alumnos unha conciencia crítica e unha identidade nacional que os nazis pretendían destruír. O carácter antiautoritario do movemento radicaba na súa estrutura descentralizada e horizontal, baseada na confianza veciñal. Participar no TON era considerado polos alemáns como “crime de alta traizón”, e milleiros de docentes foran executadxs ou enviadxs a campos de concentración. A rede mantívose grazas ao apoio da poboación e á integración no Estado Secreto Polaco, o goberno no exilio. A educación converteuse nunha pia da resistencia: as clases clandestinas forneceron cadros para a resistencia armada, e moitos profesores utilizaron as súas casas para ocultar a xudeus, proporcionándolles documentos falsos e educación nas tradicións cristianas para evitar a súa identificación.
Tras a guerra, en 1945, o Ministerio de Educación polaco recoñeceu todos os certificados expedidos polo TON. E a historia do ensino clandestino non rematou coa derrota do nazismo: a súa filosofía de resistencia educativa continuou operando durante o período estalinista, cando as novas autoridades impuxeron reformas que sufocaban a autonomía pedagóxica. O legado do TON permanece como un exemplo de como a transmisión do saber e a defensa da dignidade humana poden exercerse como armas contra calquera forma de autoritarismo.
Fontes:
-
Instytut Pamięci Narodowej (2024). Wiesław Jan Wysocki: Tajne nauczanie. https://ipn.gov.pl/pl/historia-z-ipn/archiwum/195643,Wieslaw-Jan-Wysocki-Tajne-nauczanie.html
-
Wikipedia, wolna encyklopedia (2025). Tajne nauczanie. https://pl.wikipedia.org/wiki/Tajne_nauczanie
-
Virtual Shtetl (2018). Tajne nauczanie 1939–1945. https://sztetl.org.pl/pl/slownik/tajne-nauczanie-1939-1945