A crise en Ceuta. Parte I: a crise humanitaria

Entre os días 30 e 31 de xullo de 2026, a cidade autónoma de Ceuta foi escenario dunha das crises migratorias e humanitarias máis graves na historia recente do Estado Español. As estimacións oficiais cifran en máis 70.000 o número de persoas que cruzaron a fronteira desde Marrocos, tanto por vía terrestre como marítima, nun lapso de apenas 24 horas. Segundo a ONG Caminando Fronteras, morreron 141 persoas, sendo o episodio co maior número de vítimas mortais rexistrado ata o momento. Un mes despois a situación en Ceuta é gravísima, con ataques continuos organizados pola extrema dereita e por grupos fascistas ás persoas migrantes e ás organizacións e activistas que intentan brindar apoio e axuda humanitaria, coa complicidade en moitos casos das forzas de seguridade do Estado, que forman parte activa desta represión.

Unha vez máis, a resposta do Goberno español e da Unión Europea (UE) centrouse en reforzar a militarización fronteiriza e a expulsión das persoas migrantes, en lugar de proporcionar todos os medios necesarios que garantan axuda humanitaria, un trato digno e o respecto do Dereito Internacional, especialmente en materia de asilo. A pesar de que todos os países membros da UE forman parte do Convenio Europeo de Dereitos Humanos e da Convención sobre o Estatuto dos Refuxiados da ONU, o trato mediático que se fai de eventos como o ocurrido hai un mes en Ceuta parece omitir as obrigas do Estado nesta materia. No canto de informar a cidadanía sobre como debería actuar o Estado Español, membro dos mencionados tratados, para respectar escrupulosamente o Dereito Internacional dos Dereitos Humanos, para que a cidadanía poida estar vixiante ante calquera vulneración destes dereitos, o discurso dos grandes medios de comunicación e dunha parte importante da clase política nacional e europea, incluso de quen se consideran progresistas, céntrase na promoción de posturas racistas. Cualifican de “invasión” o evento e esixen a rápida expulsión destas persoas, deixando de lado todo tipo de consideración á dignidade das persoas migrantes. Como denuncia Afrocolectiva, o uso dos medios dunha linguaxe deshumanizadora para describir o que está a pasar “converte as persoas migrantes nunha masa ameazante” e “inflúe no público e crea o caldo de cultivo para o medo social, en lugar da empatía”.

As causas deste fenómeno migratorio son profundas e complexas. Historicamente, a colonización de África por parte de potencias europeas e as políticas neocoloniais posteriores que perpetuaron a explotación dos seus recursos e a súa sumisión económica xeraron un desequilibrio que permitiu que estas potencias europeas se enriquezan grazas aos recursos destes países africanos, deixando unha poboación empobrecida que, como calquera ser humano, busca mellorar as súas condicións de vida, entre outras formas, migrando a Europa. Porén, nas fronteiras europeas, mentres se permite o libre tránsito de mercadorías e capitais, ás persoas négaselles a mobilidade.

Mentres tanto, a tensión en Ceuta mantense, alentada por grupos fascistas que utilizan as redes sociais para promover discursos de odio e organizar auténticos pogromos. Os feitos ocorridos en Ceuta lembran as cacerías racistas de Torre Pacheco (Murcia) hai un ano e de Belfast hai tan só dous meses. Este último episodio apunta cara a unha perigosa normalización de posturas fascistas.

O fascismo atopa hoxe un rexurdimento grazas a figuras da extrema dereita como as de Alvise Pérez ou grupos como Núcleo Nacional, que intentan capitalizar o descontento social, alimentando o odio e o racismo a través de discursos que culpabilizan as persoas migrantes do empeoramento das condicións de vida da poboación. Esta estratexia, amplificada polos grandes medios de comunicación, desvía a atención das verdadeiras causas da desigualdade e da perda de dereitos, perpetuando a idea de que as persoas vulnerables son unha ameaza. A cidadanía debe tomar consciencia da actuación irresponsable de comunicadores e medios estes días. Ao dar voz ou ser portavoces de discursos que deshumanizan as persoas migrantes están, por un lado, incitando unha parte da cidadanía a atacar estas persoas e, por outro, favorecendo que non se condenen estes ataques.

Os corpos de seguridade do Estado reprimiron tanto a persoas migrantes como a activistas que denuncian a situación. Esta represión, unida á pasividade mostrada ante os ataques fascistas, debuxa un panorama de desprotección para as persoas migrantes. A Unión Europea leva máis dunha década asentando unha política de exclusión e de vulneración dos dereitos das persoas migrantes. En 2016, como resposta á crise dos refuxiados, a UE asinaba o coñecido como “acordo da vergoña” con Turquía, co que, a cambio de miles de millóns de euros, Turquía pasaba a se converter no gardián encargado de frear o fluxo migratorio cara á UE. No canto de establecer corredores humanitarios seguros para garantir “o dereito de asilo contemplado pola lexislación internacional e europea”, Europa pasaba a se converter na Europa-fortaleza. No caso de Marrocos, o Estado Español e a UE levan décadas construíndo unha estratexia que comparte semellanzas co caso turco. A militarización da fronteira e a externalización da xestión migratoria a Marrocos, financiada con fondos europeos, son estratexias que buscan eludir a legalidade internacional, vulnerando dereitos fundamentais como a asistencia legal e a posibilidade de solicitar protección internacional.

Fronte á instrumentalización e aos ataques da dereita e do fascismo ás persoas migrantes, diversas organizacións, como No Name Kitchen, Border Resistance, Horizontal (Coordinadora Anarquista) e Regularización Ya, están no terreo dando apoio e recursos básicos ás persoas migrantes á vez que sofren os ataques tanto de grupos fascistas como das Forzas de Seguridade do Estado. Por iso, están a realizar unha campaña en redes sociais de denuncia e de chamada á acción para chegar a toda persoa que poida doar ou acudir a brindar axuda. A organización fascista non pode superar a solidariedade e o apoio mutuo. Fronte ao seu odio, organización antifascista.

Fontes:

Contidos relacionados

MC_5 Ulm_Foto_WbX (c)
+ info
MC_Novo Macartismo_Foto_WbX (c)
+ info
MC_Centros Datos Medio Ambiente_Foto_WbX (c)
+ info