A anulación da condena a Xosé Humberto Baena, cincuenta anos despois do seu asasinato

O 27 de setembro de 1975, cando a ditadura franquista agonizaba, foron executados os cinco últimos fusilados do réxime ditatorial. Entre eles estaba Xosé Humberto Baena Alonso, un mozo vigués de 24 anos militante do FRAP (Frente Revolucionario Antifascista y Patriota). Foi detido e acusado baixo montaxe policial e xulgado por un consello de guerra sumarísimo que presentou numerosas irregularidades. Non se admitiron probas nin testemuñas da defensa, os avogados foron expulsados da sala e a sentenza baseouse en declaracións autoinculpatorias obtidas baixo tortura. Un observador da Liga Internacional para a Defensa dos Dereitos Humanos cualificou o proceso de “simulacro” e “farsa sinistra”

A familia nunca aceptou a versión oficial. O seu pai presentouse ante o Tribunal Militar de Madrid con probas que demostraban a súa inocencia, mais a petición foi desestimada. A documentación relacionada coa defensa foi destruída nun misterioso lume provocado na súa casa. A irmá, Flor, continuou a batalla legal durante décadas, recorrendo ao Tribunal Constitucional, ao Tribunal de Dereitos Humanos de Estrasburgo e á ONU, onde recibiu sempre a mesma resposta: o estado Español non asinara os tratados correspondentes daquela.

Fai hoxe un ano, cincuenta anos despois do asasinato por parte do daquela goberno do Estado español, o actual Goberno do Estado español entregou á familia a “Declaración de recoñecemento e reparación persoal”, unha figura prevista na Lei de Memoria Democrática de 2022. Asinada polo ministro de Política Territorial e Memoria Democrática a declaración establece que Baena “padeceu persecución por razóns políticas e ideolóxicas durante a ditadura franquista”. Declara “ilegal e ilexítimo o tribunal” que o xulgou, así como “ilexítima e nula a condena” ditada contra el. Este recoñecemento non supón indemnización económica, mais supón unha reparación moral para a súa memoria e para a democracia.

A anulación da condena de Baena transcende o caso particular. As cinco execucións do 27 de setembro de 1975 provocaron unha vaga de protestas internacionais e mesmo unha petición de clemencia do papa Paulo VI. O poeta Luis Eduardo Aute dedicoulles a canción Al alba, que burlou a censura e se converteu nun himno contra a pena de morte.

Se ben este paso é fundamental, a loita continúa e quedan por dar moitos pasos pola memoria, a verdade e a xustiza. Só así é posíbel aprender da historia para non repetila.


Fontes:

Contidos relacionados

imaxe raw para artigo
+ info
imaxe inicio web + IG
+ info
incendios 2010-2026
+ info